Peybernes: "Estaba nunha situación moi difícil e apareceu o Lugo"

O central francés explica que Mandiá e o Eloy Jiménez chamárono moitas veces para convencelo

O francés Mathieu Peybernes, novo xogador do Lugo cedido polo Almería con opción de compra para o equipo galego, recoñeceu na súa presentación que se atopaba nunha "situación moi difícil" no conxunto andaluz, no que levaba só unhas semanas.

"Estaba nunha situación moi difícil no Almería e no Lugo déronme a oportunidade de poder demostrar o meu nivel. O máis importante é xogar e aquí danme a oportunidade de facelo", comentou en rolda de prensa.

O defensa asegurou que se atopa "fisicamente a tope" aínda que lle falta "ritmo" de competición, entre outras cousas, porque a última semana adestrou "aparte" no Almería.

Peybernes valorou a "parte humana" á hora de decantarse polo Lugo para continuar a súa carreira. "Manolo (Mandiá, secretario técnico) e o adestrador chamáronme moitas veces e cando a xente te quere hai que ir onde te queren", precisou.

De LaLiga SmartBank sinalou que é "moi difícil, competitiva e longa, con moitos equipos moi fortes", e mostrouse convencido de que as vitorias para o Lugo, que non gañou nas tres primeiras xornadas, chegarán "moi pronto porque o equipo compite moi ben e é intenso".

Ademais, asegurou que o conxunto branquivermello ten unha "idea de xogo moi boa" e, aínda que é "un club pequeno e familiar, está moi ben para crecer". O xogador francés afirmou que achegará ao equipo "compromiso, traballo e experiencia".

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios