Tito Díaz: "Paréceme incrible que non levemos once vitorias”

O adestrador do Cafés Candelas Breogán laméntase de que "nos últimos tres partidos, sobre todo os dous últimos", tiveron "opcións serias de gañar"

Tito Díaz. E. CANDEL (ACB PHOTO)
photo_camera Perico Díaz. E. CANDEL (ACB PHOTO)

Tito Díaz, adestrador do Cafés Candelas Breogán, lamentou que o seu equipo quedase en nove triunfos e aferrouse ás opcións de permanencia do conxunto lucense, que pasan por gañar os dous partidos que quedan e esperar outros marcadores.

"Paréceme incrible que non levemos once vitorias, ou dez. Nos tres últimos partidos, sobre todo os dous últimos, tivemos opcións serias de gañar, pero seguimos vivos a falta de dúas xornadas e non recordo en tan pouco tempo tantos problemas e tan mala sorte. De finais igualados non gañamos ningún e perdemos tres”, precisou en rolda de prensa.

O técnico avogou, en todo caso, por esquecerse "do pasado e centrarse no de Andorra” e rescatou que o equipo "está a competir” a pesar dos contratempos en forma de lesión e dos resultados. "O equipo necesita ser moi forte mentalmente e moi duro. Sabemos que xogamos unha final e que Andorra é unha pista moi difícil, que o MoraBanc é un equipo moi forte na súa pista”, indicou.

Sinalou que ao Breogán, a pesar de todo, está a verlle "moi enteiro e moi ben” e defendeu o rendemento que tivo con el a domicilio. "É no que nos baseamos para Andorra: gañamos en Badalona, competimos en Madrid, estivemos preto de gañar en Valencia e iso é no que nos baseamos. Somos competitivos niso e temos que seguir nesa liña”, sostivo.

Do equipo andorrano, destacou que "é moi físico, aperta moito en defensa e presiona as liñas de pase” e sinalou que para contrarrestalo deben "ter sobre todo ritmo de partido, circulación de balón” e controlar o rebote. "Eles traballan moi ben o rebote ofensivo, así que temos que defender ben o noso aro e atacar o rebote ofensivo. Hai que xogar con ritmo, valentía e cabeza”, apuntou.

Tamén sinalou que deben "controlar aos seus cincos e as saídas dos seus xogadores” e comentou que contan coa "parella de bases que mellor defende” na liga Endesa, a que forman Rafa Luz e Andrew Albicy. Destacou, ademais, a John Shurna, que lles "axuda no seu xogo agresivo cara ao aro” porque "é un catro aberto e condiciona a defensa”.

O Breogán terá que suplir "con xogo en equipo”, a baixa de Ray McCallum, "que xeraba moito xogo para os demais”. Tampouco poderá contar con Daniel Ochefu, que segue con molestias no xeonllo, mentres que recupera a Alec Brown.

Comentarios