miércoles. 13.11.2019 |
El tiempo
miércoles. 13.11.2019
El tiempo

Tito Díaz: Intelixencia ao servizo do club e adaptación ao persoal

Jesús Lázare e Perico Díaz. XESÚS Ponche
Jesús Lázare e Perico Díaz. XESÚS Ponche

Poucos apostarían, antes de velo en acción, por este adestrador entre os grandes do baloncesto español

Os breoganistas máis veteranos, os que sufriron e disputaron no vello Pavillón Municipal, recordarán a Tito Díaz como xogador na liga ACB exhibindo a súa depurada técnica e a súa intelixencia para compensar, sobradamente, un físico pouco adecuado para un deporte tan esixente nese aspecto. Sempre pondo o balón no sitio xusto, levando dun lado a outro á defensa contraria ou facendo inútil a presión dun rival aburrido de correr de esquina a esquina da pista.

Poucos apostarían, antes de velo en acción, por un Tito Díaz entre os grandes do baloncesto español. Con el aos mandos do equipo, o Breogán conseguiu as súas dúas mellores clasificacións históricas, un quinto e un sexto posto. Foi peza clave nun equipo que quedou gravado para sempre na memoria do breoganismo, o que marabillou a mediados da década dos oitenta.

Agora, como adestrador chega á ACB sen unha experiencia previa. É razoable que xere algunhas dúbidas. As mesmas que había cando o Breogán apostou por mantelo como base titular chegando desde a Terceira División.

Os que o coñecen e, sobre todo, os que traballaron con el, téñeno claro. Sóbranlle coñecementos. Pero ademais, a súa intelixencia e a súa boa xestión do vestiario é unha garantía. Moitos recordarán o gran traballo do técnico lucense no banco do Leyma Coruña e os afeccionados breoganistas, sobre todo, as súas defensas zonais ante o equipo celeste. Pero que ninguén se engane, ese non é o seu baloncesto; é o que requiría a situación. A gran virtude de Tito Díaz está en sacar o mellor dos seus xogadores.

Tito Díaz: Intelixencia ao servizo do club e adaptación ao persoal
Comentarios