Perico Díaz, na súa presentación no Breogán: "Non perdoo a falta de compromiso"

O lucense asegura que chega ao equipo por dous "motivos", cre nos xogadores e este é o seu "club"

Perico Díaz, no seu primeiro adestramento co Breogán. XESÚS PoncheO lucense Tito Díaz, novo adestrador do Cafés Candelas Breogán, afirmou este martes na súa presentación que aceptou a proposta do equipo galego por dous "motivos", porque cre nos xogadores e porque este é o seu "club", no que xogou e ao que xa adestrara.

Acompañado polo presidente do club, Jesús Lázare, comezou a súa intervención cunha mirada ao pasado recente. "O primeiro é recoñecer o traballo de Natxo Lezkano. As dinámicas castigan pero quero recoñecer o seu traballo, case tres anos nos que conseguiu levar ao equipo á ACB. Eu levo moi poucas horas traballando e hai moitas cousas positivas no equipo e imos aproveitalas. Eu veño sumar", declarou.

Afirmou que o equipo vén dunha derrota en San Sebastián, "pero leva sete vitorias" na liga Endesa e deixou claro que se incorpora por dous "motivos". "Creo no equipo, nestes xogadores, aos que vin xogar, e este é o meu club", sostivo antes de agradecer "a valentía da xunta directiva" ao apostar por el.

"Son un adestrador que non adestrou nunca na ACB e sei que tiveron a posibilidade doutros pero apostaron por min e eu creo que se basearon no meu baloncesto, que demostramos que funciona", sostivo.

Asegurou que o Breogán conta cunha "das mellores ou a mellor afección de España" e advertiu de que aos xogadores lles vai requirir o "compromiso" que el ten, tanto co "baloncesto de equipo" como "co club". "Non perdoo a falta de compromiso", asegurou.

"Que non quiten a camiseta nin para durmir", pediulles o novo preparador do Breogán, que avogou por dar "un paso adiante en defensa, ser fortes" nesa parcela e a partir de aí terán "confianza e ritmo". Así confía en conseguir un Breogán "forte na casa e perigoso fóra", que vai "pelexar e deixar todo en cada segundo do partido".

Respecto da posibilidade de reforzar o persoal tras a saída de Millsap, indicou que "sería perfecto" conseguir outro xogador exterior, aínda que se conforma que o que ten porque está "afeito administrar recursos".

JESÚS LÁZARE. O presidente do Breogán, Jesús Lázare, sinalou que Tito Díaz "é a persoa" na que pensaron "para intentar levar o barco a bo porto". "O momento é duro e complicado porque, senón, o Breogán non dese os pasos que deu", declarou en referencia á destitución de Natxo Lezkano.

A Díaz agradeceulle que "sabendo as precariedades" que ten o Breogán queira "subir ao barco e remar". "Só podemos facer unha cousa, remar para o mesmo lado. Os que non se vexan capaces de remar, non teñen cabida", advertiu o dirixente.

Comentarios