Unha paixón que supera barreiras

Cunha visita ao Municipal no ano 1985 empezou todo. A partir de aí, Juan Carlos López Yebra, de 43 anos, vive e goza da súa paixón, o Breogán, un equipo que seguirá "estea onde estea". Cunha xordeira, é todo un exemplo de breoganismo

Juan Carlos López Yebra. XESÚS PONTE
photo_camera Juan Carlos López Yebra. XESÚS Ponche

O BREOGÁN é moito máis que un sentimento e Juan Carlos López Yebra é un claro exemplo. Este afeccionado, xordo de nacemento, repasa aos seus 43 anos como empezou o seu idilio co conxunto breoganista. Foi alá polo ano 1985.

"Leváronme a un partido cando o equipo xogaba no Municipal. Vía como xogaban, a motivación do equipo e empecei a engancharme ata que foi como un vicio para min. Emocióname ver os partidos, as sensacións, todas as emocións que vivo ao ver a xente que coñezo. O baloncesto é unha afección, é como unha admiración, na miña casa teño moitísimas cousas de todo o que envolve ao Breogán e ao mundo do baloncesto. Hai algúns xogadores que vexo que son bos e cando se van quédame unha sensación triste coa súa marcha e emocióname contactar con eles". Así explica Juan Carlos López Yebra ese idilio que establece con cada xogador que chega ao Breogán e dio alguén que ten na súa casa todas os números da revista Gigantes desde o ano 1985.

Unha relación incrible

Encántalle ter contacto con cada xogador do Breogán

Con muller e un fillo, Juan Carlos é un dos primeiros afeccionados en facerse socio cada tempada e tamén un dos primeiros en chegar ao Pazo cando hai partido do Breogán. "A miña muller foi socia, pero parou cando quedou embarazada, e o neno non ten por agora esa afección, non o obrigo, respéctoo. Eu dígolle que veña, pero respecto a súa decisión. A miña muller está farta de min porque sempre estou metido no Pazo, sempre publico cousas do Breogán e cando chega unha fichaxe do Breogán investigo para coñecer máis ao xogador e ver como é", asegura ao falar sobre as posibilidades de ampliar a paixón celeste ás súas máis achegados.

No domicilio de Juan Carlos López pódense atopar fotos, artigos, todo tipo de obxectos vinculadas ao equipo lucense. é un domicilio que respira Breogán polos catro costados. Como todo afeccionado, este sarrián ten tamén os seus ídolos e aquela xente coa que ten máis relación dos que formaron parte do primeiro persoal. E non hai sorpresas.

Respecto e comunicación

Juan Carlos López sente respectado e entende se lle falan amodo

"Sergi Quintela e Salva Arco son cos que máis teño relación, enténdenme porque saben que son xordo e entendémonos moi ben. E ao falar de ídolos, o que máis me gustaba era Manel Sanchez, era moi fan del, ás veces atópomo, ten unha tenda de deportes e moitas veces vou por alí", di.

Cando pisa o Pazo dos Deportes, Juan Carlos López só se centra no partido, no que se ve na cancha, todo ocúpao o seu equipo da alma. "O meu obxectivo é animar ao Breogán, hai outros equipos moi bos, pero para min o máis importante é animar o Breogán. Sei que o Real Madrid é moi bo, pero para min é moito mellor o Breogán. Cando gañou ao Real Madrid emocioneime moito", asegura un afeccionado que viviu esta campaña a cara máis triste co descenso á LEB Ouro, pero que demostra que é un exemplo para todos a lealdade ao club. Fixarse nos seus xestos e a súa emoción ao atravesar o corredor do Pazo con todas esas fotos de exjugadores é algo enternecedor. "Seguirei apoiando ao Breogán pase o que pase, non o vou a deixar nunca, non se me vai a ir esa paixón e ese agarimo. Hai que seguir se gana ou perde, sempre estarei aí", asegura.

Juan Carlos López explica tamén como vive os partidos do Breogán alguén xordo como el, especialmente no que se refire ao que envolven o ambiente. "Non ouzo, pero sei que a xente grita. De todos os xeitos, o meu obxectivo é concentrarme en ver o partido. O que grita a xente dáme igual. Cando falan non o entendo, tampouco nas presentacións, eu só aplaudo e anímoos. As vibracións si que se notan. Pola miña zona percíbese porque o chan axúdame ao notar que se move. Aínda que, insisto, o que quero é mirar o partido e centrarme niso", di, á vez que resume a súa relación co resto de afeccionados que o rodean. "Respéctanme, na comunicación saben que son xordo e respéctanme bastante. A comunicación non é fluída, pero falan amodo e así os entendo perfectamente", explica.

Así é Juan Carlos López Yebra, un afeccionado que viaxa a ver ao seu equipo cando os partidos se xogan noutras cidades galegas. Así, estivo no quinto partido do play off de ascenso en Ourense, tamén a pasada campaña no partido en Santiago. "Fun aos dous e sentinme moi triste, o que quería era que gañasen e anime ata o final nese quinto partido", comenta.

Á marxe xa do Pazo Juan Carlos deixa o seu último ensino. "A miña ilusión é que volva á liga ACB. Quero que o equipo gañe e regrese a esa categoría. A ver se temos máis sorte esta tempada". Breogán en estado puro.

Un accionista máis no club celeste
Compromiso Un accionista máis no club celeste Juan Carlos López Yebra aproveita a súa visita ao Pazo para comprar algunhas accións dos Cafés Candelas Breogán. Entende que é o momento de arrimar o ombreiro, de axudar en todo o que poida e, ademais de demostrar o que significa o Breogán, quere axudar ao futuro da entidade.

Próxima tempada

Juan Carlos xa pensa na próxima tempada e ten claro algúns dos xogadores que se traería ao novo proxecto. Refírese a Tyson Pérez, ao que puido ver en Lugo e que foi unha referencia na LEB Ouro a pasada tempada. Ademais, mostra un sorriso e un xesto afirmativo cando sae o nome de Matt Stainbrook.

Adestrador

Tamén está pendente de pechar cal será o técnico para a próxima tempada e Juan Carlos López está ansioso por coñecelo. Na conversación saen os nomes de Arturo Álvarez e Diego San Epifanio. Ambos son do seu agrado.

Sen descanso

É evidente que a Juan Carlos López apaixónalle o baloncesto e, por suposto, non faltou ao campionato de España infantil, que se celebrou estes días en Lugo e Sarria. Alí puido atoparse con Andreu Casadevall, Tito Díaz ou Manel Sánchez. Con todos eles sacouse unha foto porque este afeccionado ten testemuño de todo e enseguida tamén se ve reflectido nas redes sociais. A súa páxina de facebook é unha como unha crónica da historia do Breogán.

 

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios