Partido para esquecer do Ensino

Michelle Woods intenta lanzar a canasta (Foto: J. Vázquez)
photo_camera Michelle Woods intenta lanzar a canasta (Foto: J. Vázquez)

O Pío XII chegou este sábado nun momento irregular da tempada ao Pazo dous Deportes de Lugo tras a marcha dalgunhas das súas xogadoras, o que supuña unha boa oportunidade para que o Durán Maquinaria Ensino empezase a pór terra polo medio cos postos de promoción de permanencia nos que agora se atopa. Pero nada máis lonxe da realidade. Gran parte das xogadoras do equipo lucense desapareceron na tarde deste sábado da cancha e deixaron a un mermado cadro compostelán facer ao seu antollo para conseguir un tan avultado como merecido triunfo (40-76).

O posto segue sendo o mesmo para as pupilas de Álex Polo na clasificación da liga Feminina 2 de baloncesto, o décimo cuarto. O conxunto ensinista continúa en postos que lle obrigan a xogar a promoción empatado co Conquero onubense, décimo terceiro, que nesta xornada caeu contra o madrileño CREF ¡HOLA! por un axustado resultado de 81-79.

De todos os xeitos, moito teñen que cambiar as cousas logo do visto este sábado para que o Ensino consiga os triunfos necesarios para escapar dos postos de abaixo.
O único salvable do encontro para os locais foi o primeiro cuarto, no que o Pío XII asentouse sobre o pavillón lucense para despois escaparse no segundo cuarto e non volver sufrir a unhas xogadoras locais que non só non remontaron, senón que vían como cada vez o rival afastábase máis no marcador.

Os fallos foron os mesmos que cada fin de semana sofre o equipo: defensas moi débiles, ataques desestructurados e un elevado número de perdas de balón que facilitan as vitorias dos rivais. Foron precisamente as imprecisións en defensa as que propiciaron a escapada visitante no inicio do segundo cuarto mercé a como o Pío XII aproveitou o perímetro ante a falta de xogo interior. A pivote Ana Román defendeu a súa parcela e estivo acompañada en xestaa do triunfo por unhas elevadas Isa Suárez, Laura Grande e Charlene Smith.

Cunha vantaxe de nove puntos para as visitantes (22-31, m.20) chegouse ao descanso. A actitude podería cambiar na continuación, aínda que seguiu sendo a mesma con desaxustes en todas as liñas. Ningunha xogadora do Ensino deu a cara e a desesperación era patente, tanto que ao final do terceiro cuarto sinalaron unha técnica a Álex Polo, evidencia da situación tensa e a impotencia que se vivía na cancha. O último cuarto tan só serviu para ferir aínda máis o orgullo local. Un parcial de 3-18 sentenciou un duelo para esquecer.

Polo: “Foi lamentable e vergoñoso"
O adestrador do Ensino, Álex Polo, lamentouse da imaxe dada polo seu equipo. "Excepto as seis xogadoras que saíron en rotación no último cuarto, ás demais ténselles que caer a cara de vergoña; paréceme que houbo unha falta de respecto cara á afección, cara ás súas compañeiras, unha falta de profesionalidade... é algo lamentable e vergoñoso", queixouse. O técnico asegurou que "nada ten que ver o traballo que se fai durante a semana co que se ve nos partidos".

Polo asegurou que "a nivel técnico ou táctico, o duelo non merece ningunha valoración, aínda que si a nivel de actitude". O adestrador lucense lamentou que "elas viñeron só cunha pivote e teriamos que impor o noso xogo interior, pero as pivotes desapareceron por completo". O técnico terminou dicindo que o que lles ía a dicir no vestiario ás xogadoras era "de dúas rombos".

Os marcadores parciais do Durán Maquinaria Ensino-Pío XII foron: 13-13, 22-31, 33-54 e 40-76.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios