Paco Olmos rescinde este luns o seu contrato co Río Breogán

O adestrador valenciano asinará co San Pablo Burgos
Paco Olmos. XESÚS PONTE
photo_camera Paco Olmos. XESÚS PONTE

O CB Breogán e Paco Olmos rescinden este luns o contrato entre as dúas partes e o técnico valenciano asinará de inmediato co San Pablo Burgos. O equipo castelán consegue por fin o seu desexo de contar no seu banco con Olmos unha vez que acaba de despedir o seu segundo adestrador no que vai de tempada, Salva Maldonado.

O Río Breogán confirmou a noticia a través das redes sociais ao redor das once e media da noite deste domingo: "O técnico comunicou nas últimas horas a súa decisión de deixar a entidade". Así as cousas, emprazou a unha rolda de prensa este luns.

O equipo lucense, que busca xa novo adestrador —difumínanse os dous nomes que apareceron recentemente nas redes como posibles substitutos do valenciano—, recibirá como indemnización por parte do San Pablo Burgos o diñeiro que quedaba por pagar a Paco Olmos ata o final da actual tempada.

En palabras do seu axente, Moisés Cohen, en relación ao salario que lle ofrece Burgos, "non falamos de triplicar o que cobra en Lugo, falamos de moito máis".

O club lucense recibirá como indemnización o soldo do adestrador ata xuño

En Burgos xa daban por segura unhas horas antes a chegada de Paco Olmos ao banco do Hereda San Pablo, actualmente penúltimo clasificado da liga Endesa. Segundo informaba este domingo o Diario de Burgos, o acordo entre ambas as partes é total e o adestrador podería tomar as rendas do equipo burgalés a próxima semana. Á marxe desa información, Olmos dirixiu con normalidade o adestramento do equipo celeste na mañá deste domingo.

Hai algo máis dun mes xa houbo un primeiro achegamento entre Olmos e o San Pablo, pero entón non se concretou, e o club de Burgos fichou a Salva Maldonado, que non conseguiu endereitar a traxectoria do equipo.

Comentarios