Os ferrollos do Lugo

Alberto Varo e Ander Cantero buscan a titularidade na portería branquivermella tras a marcha de Juan Carlos. O tarraconense empeza o seu segundo curso no club e o navarro debuta

cantero
photo_camera Ander Cantero, recente incorporación do Lugo para a portería. S. SENANDE

A grandes problemas, grandes remedios. Ante unha crise, unha oportunidade. Así é como pensan os optimistas, persoas que ven sempre medio cheo o vaso en lugar de medio baleiro.

Unha situación dese tipo é a que vive o Club Deportivo Lugo de face á que será a súa oitava tempada consecutiva en Segunda División. Marchouse ao final da pasada campaña, apenas hai dúas semanas, un porteiro determinante, decisivo, con personalidade moi acusada, unha meta con absoluta influencia dentro do persoal e fóra, ante a afección: Juan Carlos, xa na escuadra de Montilivi; dous loitan agora por abrochar o ferrollo do Ángel Carro, facer que a tempada non teña tantos sufrimentos como a pasada nas súas paradas: Varo e Cantero.

VARO, UNHA SEGUNDA OPORTUNIDADE. O primeiro, Alberto Varo (Tarragona, 18 de marzo de 1993), mira desde os seus 1,91 metros de estatura a ocasión que estaba a esperar, ser a meta titular dun equipo con tanta soleira na Segunda División española no século XXI como o Club Deportivo Lugo. Varo, con pasado no seu Gimnástic de Tarragona e coa canteira do Barcelona, cumpre a súa segunda tempada no equipo do Ángel Carro.

Certamente, tivo poucas oportunidades a pasada campaña —o Lugo apenas coñeceu outro porteiro que Juan Carlos as dúas últimas tempadas— pero cando as tivo agradou e gañouse un oco na campaña 2019-2020, con Eloy Jiménez á fronte do banco. Destacou na Copa do Rei, onde os entón técnicos do Lugo (primeiro Javi López e logo Alberto Monteagudo) confiaron nas súas capacidades para o torneo do K.O.

Non foi fácil a vida para Varo, que brillou, cando puido, no Nástic e na canteira do Barcelona -chegou a adestrarse á beira dunha inspiración para todo porteiro que se prece: André Ter Stegen- e que agora intentará facer esquecer a Juan Carlos.

CANTERO, PORTEIRO DE FUTURO. Tantas ganas de mandar na área e salvar puntos na liga para o seu equipo ten Ander Cantero (Pamplona, 9 de xaneiro de 1995), recentemente chegado aos adestramentos no Ceao tras deixar atrás o Rayo Majadahonda, o seu último equipo, e sobre todo o Vilarreal, o equipo co que o cedeu hai un ano e que se gardou unha opción de recompra se triunfa no Lugo as dúas próximas campañas. É dicir, o club castellonenco confía na meta navarro e cre que pode ser unha opción de futuro para a portería do conxunto amarelo.

A vida como meta de Cantero ten certas similitudes coa de Varo. Ambos empezaron na canteira da súa cidade —o Osasuna o navarro e o Nástic, o catalán— e ambos coñeceron varios clubs, unha peregrinaxe que aínda non acabou en busca de facer raíces baixo os traveseiros do Ángel Carro. Como Varo, que coñeceu a canteira do Barcelona, Cantero estivo na do seu gran rival, o Real Madrid, antes de fichar polo Vilarreal.

En fin, as dúas metas traballan estes días con forza para elixir ao home de confianza para Eloy Jiménez e o adestrador de porteiros do equipo branquivermello, o exmeta Roberto Fernández, unha institución no club desde os seus máis de 400 partidos no fútbol profesional español. Ambos, Varo e Cantero, confían en que no futuro os seus nomes sexan recordados polos afeccionados do Lugo, xente como Juan Carlos, Roberto, José Juan ou Dani Mallo. Dous porteiros, unha mesma idea, a de axudar a que o Lugo siga o ano que vén en Segunda. A portería está ben pechada.

PRETEMPORADA: Dobre sesión este luns para o persoal
Comeza hoxe o plantel do CD Lugo a segunda xornada de traballo na pretemporada cunha dobre sesión despois de que os xogadores tivesen un día de descanso onte domingo. O volume de traballo que dirixen os técnicos aumentará paulatinamente ante unha semana que concluirá co primeiro partido amigable, o do próximo sábado (20.30 horas) ante o Celta no campo de Baltar, en Portonovo.

Comentarios