Oferta para socios do Lugo contra o Zaragoza

Poderán comprar entradas a prezo reducido para dous acompañantes no encontro contra o equipo maño

O Lugo quere aproveitar o seu bo momento na clasificación para que a súa masa social siga crecendo. Se o club branquivermello alcanzou os 4.000 socios a semana pasada, nesta espera conseguir unha gran entrada o sábado (18.00 horas) no Ángel Carro aproveitando a visita dun histórico do fútbol español e candidato ao ascenso: o Zaragoza.

O Lugo anunciou onte que porá a disposición dos seus abonados uns prezos especiais para a entradas fronte ao conxunto maño en todas as bancadas do estadio lucense.

Deste xeito cada socio, que entrará gratis, poderá retirar a maiores dúas entradas a prezo reducido e así dous acompañantes gozarán do espectáculo futbolístico a baixo custo.

Así, os abonados que desexen retirar billetes -un máximo de dous- para as bancadas de Xeneral e Fondo Norte e Fondo Sur desembolsarán cinco euros por entrada. Se a súa elección é Tribuna e Preferencia o custo elevarase a dez euros por cada billete.

Esta oferta está suxeita á dispoñibilidade das entradas ata esgotar existencias. A adquisición das mesmas poderase realizar ata o venres nas oficinas do Ángel Carro.

billetes para ponferrada. Os afeccionados que queiran acudir o próximo 14 de outubro ao partido de Copa do Rei que o Lugo xogará na veciña Ponferrada ante a Ponferradina terán que desembolsar dez euros por cada entrada.

O conxunto berciano optou por ese prezo para o público en xeral, mentres que os seus socios non terán que afrontar custo algún para poder entrar no Toralín para ver en directo o partido da terceira rolda da Copa.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios