O sexto home xogará

Pep Ortega está convencido de que a afección do Cafés Candelas Breogán se fará notar na pista do Leyma Coruña. "Será como xogar todos os partidos do play off na casa", asegura
Ortega se saluda con Ucles
photo_camera Ortega se saluda con Ucles

O Cafés Candelas Breogán xa vive o play off de ascenso que comezará o venres (21.00 horas) na pista do Leyma Coruña. O formato da primeira eliminatoria cambiou con respecto a campañas precedentes, de xogarse ao mellor de dúas vitorias agora decídese ao mellor de tres. Pep Ortega, comenta este aspecto. "Esta variación permíteche xogar un pouco máis coa cabeza. Antes perdías o primeiro na casa e xa era case definitivo, agora é máis longo e se polo que sexa perdes o primeiro, quédache o segundo e logo os partidos da casa. Coa afección que temos para nós será como xogar todos na casa, pero hai que gañar un como mínimo na Coruña", sinala.

O equipo lucense, tras unha tempada infestada de dificultades, alcanza o punto álxido da tempada no seu mellor momento de xogo e resultados. Seis triunfos nos últimos seis encontros aválano. Pep Ortega apela á súa experiencia para concluír que este refacho "axuda para coller confianza" e que o equipo estea mellor. "É certo que chegar ben, con seis triunfos, pódeche dar un plus, pero tampouco che aseguran ningunha vitoria nas eliminatorias".

O á-pivote catalán explica que un play off gáñase partido a partido. "Cada encontro pode ser diferente. Hai que estar ben de cabeza porque as vitorias e as derrotas teñen importancia, pero hai que saber que logo vén outro partido". A pesar destas palabras, Ortega desvela que nestes momentos a mentalidade que ten o Breogán "non é a de esperar, é a de ir buscar o primeiro partido desde o primeiro minuto. O mellor é encarar o primeiro partido moi forte, coma se non houbese segundo, e a partir de aí xa se verá".

O Leyma Coruña gañou os dous encontros da fase regular ao Breogán, como recorda o xogador breoganista. "Aquí en Lugo tivemos o último tiro para gañar, aínda que é evidente que non estabamos no noso mellor momento", aínda que tamén engade que os encontros que veñen agora non teñen nada que ver co que foi a Liga. "Os play off xóganse moito máis duro, isto é indiscutible. Nós temos que saír a matar, non temos que pensar nunha serie longa nin que temos máis partidos, hai que saír a morder por cada balón, por cada rebote, crecendo desde a defensa, controlando o rebote e correndo. Vai ser duro porque eles o bo que teñen é que saben como xogar, é un equipo moi ordenado, pero se defendemos forte e controlamos o ritmo teremos moitas opcións".

Un dos aspectos máis destacados do conxunto coruñés é o seu xogo interior, en especial o que se refire á súa parella titular Sergio Olmos e Beka Burjanadze. "Son, sen dúbida, das mellores parellas interiores da competición. Están ben acompañados por Hampl e Zyle. Beka e Olmos están a un nivel excepcional e vai ser duro para nós. Debemos desgastalos, porque tamén temos unha batería de xogadores interiores importantes. Temos que respectalos pero sen terlles medo", sinala.

Posiblemente, Ortega terase que emparellar durante moitos minutos con Burjanadze, un xogador ao que considera moi perigoso en ataque. "Un xogador que ten moita confianza, cun gran tiro e encima le ben o xogo. É novo e ten unha gran traxectoria por diante e pola miña banda, se o defendo, intentarei facelo o mellor que poida, pero espero que tamén me teña que defender a min", conclúe.

Comentarios