O Mundial de MXGP regresa a España en abril

Madrid acollerá por primeira vez a proba, á que Jorge Prado espera chegar xa recuperado
Jorge Prado. EP
photo_camera Jorge Prado. EP

O Mundial de Motocrós aterrará en España durante a tempada 2020. O Gran Premio de España de MXGP terá lugar os días 18 e 19 de abril nas instalacións de intu Xanadú en Arroyomolinos (Comunidade de Madrid). 

No momento de máximo auxe desta disciplina en España, mercé aos dous títulos mundiais conseguidos por Jorge Prado nas dúas últimas tempadas, a afección do motocrós recibe este agasallo. Ademais, desde que o lucense é campión do mundo os seus fans non puideran velo correr en España.

Prado chegará a Madrid plenamente recuperado e coa moral moi alta por saberse arroupado polos seus. "Déronme a noticia e non o podía crer, para min é importantísimo ter unha carreira en casa, rodeado polo meu público. Ademais contáronme os detalles da carreira e ten moi boa pinta o que se está preparando. No meu calendario xa está marcada como unha das datas máis importantes do ano", indicou o lucense.

O Mundial de MXGP constará de vinte grandes premios e a de Madrid será a quinta parada. O circuíto está situado a só 22 quilómetros do centro de Madrid. Ademais de Prado, a armada española compona entre outros José Antonio Butrón, Iker Larrañaga, Rubén Fernández ou as mulleres e mozas que compoñen o exitoso equipo da RFME.

Comentarios