O lucense Yago Armesto, sexto no campionato de España de trial

A falta dunha proba, xa pensa en como afrontar a próxima tempada, cunha moto de 300 cc e en nova categoría
El piloto lucense Yago Armesto, en el circuito de trial existente en las inmediaciones del Hula
photo_camera El piloto lucense Yago Armesto, en el circuito de trial existente en las inmediaciones del Hula

Yago Armesto marcha sexto no campionato de España de trial a falta tan só da última proba, prevista para o 13 de novembro en Antas (Almería). O piloto lucense, de 16 anos, fai balance da súa primeira tempada no Nacional e fala dos seus retos para o futuro.

Como cada fin de semana, con excepción daqueles nos que disputa algunha proba, Armesto adestrábase o pasado domingo no circuíto de trial que existe nas inmediacións do Hula, nun terreo cedido polo Concello de Lugo para a práctica deste deporte, grazas en boa parte aos esforzos dos integrantes do Motoclub Enduro Lucense.

"En novembro do ano pasado expómonos correr o campionato de España e, con moito traballo e sacrificio, pedindo por aí, e grazas aos patrocinadores, puidemos competir", indica o mozo lucense, que para a próxima tempada proxecta cambiar de moto e dar o salto da de 125 cc a unha de 300 cc; así como pasar da categoría cadete á júnior.

"Agora mesmo só se pode practicar trial ao aire libre en dous sitios, en Pobladura das Regueras (León) e aquí, en Lugo"

"No campionato de España hai moito nivel. Están os cataláns, que se adestran moito e ante os que é difícil competir. Pero estamos aí", afirma o lucense. Se ata agora Yago Armesto asistía a todas as competicións co seu pai, Olegario, este ano tivo que desprazarse só a varias, entre elas a Mallorca.

As expectativas de Yago Armesto para a próxima tempada son: "pasalo ben, aprender e facelo o mellor que poida", indica. O piloto reitera o seu agradecemento "ao Concello de Lugo por deixarnos este terreo para poder adestrar, así como a Ilde -outro apaixonado do trial-, porque foi quen se moveu ata conseguir isto". Armesto indica que en España, e ao aire libre "só hai dous sitios onde se pode practicar trial, en Pobladura das Regueras (León) e aquí, en Lugo".

O lucense adéstrase todas as fins de semana -sábado e domingo durante toda a mañá-, e considera que o máis complicado de participar no Nacional é "a presión que hai, porque ao haber moita xente é máis fácil desconcentrarse". "Os pilotos saen a gañar, meten presión por detrás e ao ser este o meu primeiro ano aínda son novato. Aínda non teño experiencia", engade.

"Só somos catro os pilotos galegos que corremos o campionato de España. é moi difícil"

A única proba do Campionato de España que acolleu Galicia este ano celebrouse en Carnota, no municipio coruñés de Muros. "Aínda que estabamos todos os galegos -Armesto é o único lucense que participa no Nacional-, e a xente aquí anímanos, veñen moitos pilotos e público de Cataluña. Alí é onde está o gordo do trial español. Así que o factor de correr en casa aquí dilúese".

O mozo ten como pilotos de referencia ao tamén galego Jorge Casales -campión do mundo júnior en 2013- e ao catalán (20 veces campión do mundo) Toni Bou. "Aínda que a ese ninguén lle dá alcance. Hoxe en día é imposible", engade. En 2015 Armesto proclamouse campión galego de trial na categoría TR3 júnior.

Os patrocinadores que apoian a carreira deportiva de Yago Armesto son Cafés Candelas, Suministros La Ronda, Repuestos Fraín, Desguaces Herbón, Motos Montouto, Héctor Guitián, Motoclub Enduro Lucense, Concello de Lugo e Deputación Provincial. "Para ter moto oficial o único camiño é ser moi bo", di Armesto. "As marcas non axudan moito. Só aos catro que marchan primeiros", engade.

Coñecedor das dificultades que implica obter fondos cos que desenvolver a súa paixón, Armesto céntrase agora en intentar manter os apoios dos seus actuais sponsors e busca o modo de incluír algún máis. O obxectivo é sufragar os gastos polos desprazamentos ás probas do Nacional e aos adestramentos noutros circuítos e terreos, con outro tipo de pedra que teña menos agarre que as de Galicia. "Só estamos a correr catro galegos o campionato de España. É moi difícil", indica quen empezou a rodar con catro anos e acaba de obter o carné de moto.


Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios