El Hacen: "Quería quedarme en España e Lugo é boa opción"

Mandiá ve nel un "perfil distinto" ao que había en persoal, con máis "forza e músculo"
El Hacen. SEBAS SENANDE
photo_camera El Hacen. SEBAS SENANDE

O futbolista Moctar Sidi El Hacen, na súa presentación como novo xogador do CD Lugo, afirmou este xoves que quería quedar en España e decantouse por saír cedido do Valladolid ao conxunto galego porque "é boa opción".

Nunha conferencia de prensa, afirmou que cando lle dixeron que o Lugo estaba a preguntar por el "penseino un pouco porque tiña outros clubs, pero quería quedarme en España e Lugo é boa opción. Temos o reto pola posición na que estamos na clasificación para seguir en Segunda".

O centrocampista indicou que a súa intención é que esta experiencia no Lugo "lle sirva para mellorar" a nivel persoal e para "axudar ao club para saír desta situación" na que se atopa.

O xogador de nacionalidade mauritana comentou que no "vestiario están animados" a pesar de ser penúltimos na clasificación de LaLiga SmartBank.

O secretario técnico do Lugo, Manolo Mandiá, dixo que o novo xogador ten "un perfil distinto" ao que había no persoal, con máis "de forza, de músculo", engadiu.

"Con el temos todos os perfís cubertos no medio do campo. É un xogador que ten un físico espectacular, abarca moitísimo campo e aparte xoga ben ao fútbol fácil, con bo desprazamento en longo", sostivo.

El Hacen, de 22 anos, non tivo protagonismo en Liga co primeiro equipo do Valladolid esta tempada pero si disputou dous partidos de Copa do Rei e outros nove en Segunda B co filial do conxunto castelán.

Antes do Valladolid, co que chegou a xogar en Primeira División un partido a tempada pasada, o futbolista pasou polo Levante, co que debutou na elite do fútbol nacional na tempada 2017-2018, primeiro cun partido de Copa do Rei ante o Xirona e, máis tarde, con dous de Liga, un fronte ao Málaga e outro ante o Athletic Club, este como titular.

Comentarios