O CD Castro sobrevive

O equipo chairego evita a desaparición despois de que Marcos Veiga se convertera no seu novo presidente ► O histórico Gonzalo Edrosa será o adestrador a próxima tempada

Marcos Veiga. XESÚS PONTE
photo_camera Marcos Veiga. XESÚS PONTE

Salvado pola campá. O CD Castro, que estivo preto da desaparición, sairá finalmente a próxima tempada na Autonómica Preferente. O club chairego pasou por un momento de abandono tras a finalización da pasada tempada, pero agora xa ten unha nova xunta directiva que leve as súas rendas.

Marcos Veiga será o novo presidente do Castro. Veiga foi no seu día xogador e adestrador do equipo chairego. De feito, dirixiu ao Castro na tempada do histórico ascenso (2015-16), aínda que a liga finalizouna Iván Lamas.

Veiga contará cunha xunta directiva de marcado acento local, na que José Luís Marino exercerá como secretario, e Pedro Díaz Pedreira, como tesoureiro. Pedro Díaz foi xogador do Castro desde as categorías inferiores e xogou en Terceira División.

Os vogais serán: Jesús Cendán, Luis Veiga, Fermín López, Manuel Penas, Iván Carpintero e José Manuel Rodríguez.

O primeiro paso desta nova directiva foi a de atopar un adestrador de garantías. E o elixido foi Gonzalo Edrosa Portela, coñecido como a Perlita de A Pastoriza.

Edrosa, que o pasado martes cumpriu 57 anos, é unha das caras máis coñecidas do fútbol provincial. Como xogador militou trece tempadas no CD Lugo, os últimos catro como capitán. Con anterioridade, formouse no San Yago Oje e o Iris de Magoi.

A súa carreira como adestrador comezou no Lugo xuvenil, ao que dirixiu durante catro campañas. No primeiro equipo do Lugo estivo outras catro tempadas (Segunda B) antes de adestrar ao Endesa durante tres campañas, ao Rácing Vilalbés (un ano), ao Viveiro e ao Iberia, durante uns meses en ambos os casos.

O novo técnico do Castro comentou como afronta esta nova aventura deportiva. "Con ilusión e responsabilidade debido á complicada situación na que se atopaba o club. Estou con ganas de empezar a traballar de cara a unha tempada na que o obxectivo será o de lograr a permanencia", asegurou.

Edrosa traballa agora mesmo na confección do persoal, algo complicado despois da saída de boa parte do persoal da pasada campaña. A idea do club é comezar a pretempada a próxima semana.

O alcalde de Castro, Francisco Balado, que se implicou á hora de atopar ás persoas que se fixesen cargo do club, mostrou o martes a súa alegría. "Sinto unha profunda satisfacción polos novos membros da xunta por asumir esta responsabilidade. Deséxolles a mellor sorte ante o reto que teñen por diante. Por suposto, quero agradecer ao anterior presente, José Ramón Veiga Barja, e á súa xunta directiva, polo seu traballo e polos éxitos alcanzados, como foi o ascenso a Terceira", sinalou.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios