O PERSOAL

O Breogán que vén

O club celeste pensa xa na próxima tempada na LEB Ouro, cuxa planificación correrá a cargo dos actuais dirixentes
Lisardo Gómez es alzado por varios aficionados tras el quinto partido ante el Ourense.
photo_camera Lisardo Gómez es alzado por varios aficionados tras el quinto partido ante el Ourense.

Unha vez finalizada a tempada, o CB Breogán xa está obrigado a pensar na seguinte. Será de novo na LEB Ouro e, cabe esperar, co obxectivo de alcanzar o ascenso para culminar un ano no que celebrará o seu cincuenta aniversario.

Quen planificará a próxima tempada?

Non haberá cambios con respecto á pasada tempada porque nos próximos meses non haberá variacións no consello de administración. Aínda se ten que completar a terceira fase da venda de accións da Deputación. Desde o momento da publicación no BOP, esta fase estará aberta durante dez días. Posteriormente haberá un período para a subsanación de erros, adxudicación de accións e a firma notarial do traspaso das mesmas. Logo de todo isto será preciso

convocar unha xunta extraordinaria de accionistas para o nomeamento do novo consello. A convocatoria da xunta tense que anunciar cun mes de antelación. Polo tanto, e como moi pronto, este cambio no consello non se producirá ata despois do verán, cando obviamente xa ten que estar o equipo inscrito e o persoal confeccionado. No apartado deportivo, na pasada tempada o máximo responsable á hora de planificar o equipo foi Lisardo Gómez, aínda que contando coa colaboración da chamada comisión deportiva, na que figuraban, ademais do adestrador, Juan Carlos Castro, Alberte Fernández e Quique Fraga. Non se esperan variacións neste apartado.

Situación accionarial do Breogán

O proceso de venda de accións do Breogán por parte da Deputación xa pechou as dúas primeiras fases e queda pendente unha terceira, que se abrirá nos próximos días. A Deputación, antes do inicio do proceso de venda, tiña un total de 74.797 accións, o que representaba un 48,9% do accionariado do club. Actualmente a deputación mantén no seu poder 25.696 accións, que representan un 16,80% do accionariado, que é o que se pon en venda na terceira fase. Unha vez acabado o proceso non haberá ningún accionista cunha maioría de títulos significativa. De feito o maior accionista será o propio Breogán ao dispor dun 20% dos títulos totais en concepto de autocartera.

Quen encabezará o próximo proxecto?

O principal problema que pode xurdir unha vez finalizado o proceso de venda de accións está en atopar a persoa que encabece o proxecto. Unha responsabilidade que, aínda que non legalmente, deberán asumir os actuais dirixentes do Breogán, que é case o mesmo que dicir a propia Deputación. Establecéronse xa algúns contactos con empresarios e profesionais lucenses, aínda que de momento sen resultados positivos. Cabe a posibilidade de que algún interesado en liderar o proxecto do Breogán estéao en facelo cun paquete de accións significativo para ter o control no consello, para o que se utilizarían as accións que son propiedade do Breogán.

Lisardo: «Sería bo manter o bloque»

Lisardo Gómez ten contrato en vigor co Breogán para a próxima tempada, polo tanto, dáse como seguro a súa continuidade no banco breoganista. O técnico lucense manifestou onte que sería unha vantaxe de face á próxima tempada dispor da base do persoal actual. Neste sentido, catro xogadores teñen contrato en vigor. Son os casos das bases Dani López e Adrián Chapela, do escolta Álex López e do beirado Osvaldas Matulionis. Este último dispón dunha cláusula de saída no seu contrato que lle permitiría abandonar o club cunha indemnización se recibe unha oferta dun club de categoría superior. Esta cláusula ten data de caducidade establecida para o final da primeira semana do mes de xullo. Do resto do persoal todos os xogadores quedan libres. Os contratos de Álex Llorca e Mamadou Samb establecían que en caso de ascenso á ACB renovarían automaticamente nunhas condicones xa fixadas, pero que, loxicamente, non terán efecto. Dos xogadores que finalizan a súa relación contractual coa entidade breoganista non se pode descartar a continuidade dalgún deles. De feito, xa hai algún tempo que os dirixentes breoganistas manteñen negociacións co axente de Gary Mc Ghee para conseguir a continuidade do pivote estadounidense. O bo rendemento de McGhee fará que poida dispor de ofertas non só do baloncesto español e isto dificulta as opcións da súa renovación. De todos os xeitos, os técnicos do Breogán consideran que Mc Ghee pode ser a base perfecta par o novo proxecto. Tampouco se pode descartar a continuidade de Llorca, especialmente por parte do club, aínda que as preferencias deportivas do xogador -que non descartou nunca a posibilidade de seguir en Lugo- están centradas en retornar á ACB categoría desde a que lle chegará algunha oferta.

Inscrición do equipo e inicio de Liga 2015-16

Unha das datas craves para o futuro inmediato do Breogán será o próximo 3 de xullo. ás 13.00 horas dese día o Breogán terá que ter formalizada a súa inscrición para tomar parte na LEB Ouro da tempada 2015-16. Os trámites inclúen a presentación dun aval de 180.000 euros. Non debe haber problemas para estes trámites, que como está dito, terá que afrontar o actual consello de administración. A próxima edición da LEB Ouro dará inicio o 2 de outubro e tomarán parte na mesma un total de 16 equipos, un máis que na actual campaña. Se Burgos e Ourense logran cumprir todos os requisitos esixidos pola ACB, os seus postos serán ocupados polo Guipuzkoa e Fuenlabrada, os equipos descendidos desde a ACB. Desde a LEB Prata lograron o ascenso o Cáceres Baloncesto, como campión da fase regular, e o Amics de Castelló, que debutará na categoría e que conseguiu alcanzar por primeira vez na súa historia a segunda categoría do baloncesto español ao gañar antonte no quinto e definitivo partido do play off final ao Guadalaxara.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios