Sábado. 17.11.2018 |
El tiempo
Sábado. 17.11.2018
El tiempo

O baile do novo Breogán empeza en Sarria

Novo equipamento do Breogán. CBBREOGAN
Novo equipamento do Breogán. CBBREOGAN

Os de Lezkano enfróntanse ás Obras Sanitarias sen Norel, Redivo nin Kinsey ► 300 entradas vendéronse o luns en Sarria e outras 300 véndense este martes no Pazo entre as 14.00 e as 17.00 horas ► As sobrantes venderanse no Chanto a 10 euros

O Cafés Candeas Breogán disputará este martes (20.00 horas, no Novo Pavillón do Chanto en Sarria) o seu primeiro encontro como equipo da Liga Endesa, aínda que o seu rival, ao ser un encontro de preparación, será o arxentino Obras Sanitarias.

O plantell lucense terminou o luns a súa concentración na Mariña lucense e afronta esta tarde o seu primeiro test, aínda que coa ausencia dalgúns dos xogadores chamados a ter un importante protagonismo no equipo breoganista. O técnico Natxo Lezkano non poderá dispor neste encontro co estadounidense Tarence Kinsey, a última contratación realizada pola entidade lucense, que aínda non se incorporou á disciplina do equipo, nin tampouco co pivote holandés Henk Norel, nin co escolta arxentino Lucio Redivo. Así mesmo, será dúbida ata o último momento a participación de Ricardo Úriz. Neste último caso a súa ausencia deberíase a unha leve sobrecarga que non tería maior consecuencia.

Distinta é a situación dos dous citados anteriormente. Norel segue con molestias e non se lle vai a forzar, aínda que as probas médicas ás que foi sometido non revelaron ningunha lesión de importancia. No caso do escolta o club lucense emitiu unha nota o pasado xoves para comunicar que o xogador se exercitaba á marxe dos seus compañeiros para restablecerse dunhas molestias musculares. Parece, con todo, que a lesión pode ser de maior importancia, xa que a preocupación no club lucense é evidente e de feito os técnicos do club rastrexan o mercado ante a posibilidade de incorporar a un xogador que substitúa, polo menos temporalmente, a Redivo. o que parece indicar que a súa baixa pode alargarse máis aló do inicio da competición oficial.

De todos os xeitos, e aínda con estas ausencias, a presentación do Cafés Candeas Breogán é en si mesma un acontecemento. De feito, as bancadas do pavillón sarrián non serán suficientes para albergar aos afeccionados que pretenderán presenciar o encontro. Á marxe do reencontro con aqueles xogadores que seguen do persoal que a pasada tempada conseguiu o ascenso de categoría, como son os casos de Úriz, Christian Díaz, Arco, Löfberg ou Sulejmanovic, hai un indubidable interese por ver as evolucións daqueles xogadores que este martes vestirán por primeira vez a camiseta celeste. Deles, dous proceden da LEB Ouro, como son os casos de Volodymyr Gerun, o MVP da pasada campaña militando no Barcelona B, e Romaric Belemene, que xogou a pasada tempada no Oviedo cedido polo Unicaja, club co que finalizou a súa relación neste verán. Os outros debutantes que se poderán ver na cancha do Novo Pavillón do Chanto son dous xogadores que a pasada tempada xogaron a liga Endesa e ambos no Estudantes de Madrid, son os casos da base Aleksandar Cvetkovic e o pivote Alec Brown. No encontro tamén estará a disposición de Lezkano o pivote Kyle Rowley cuxo compromiso coa entidade breoganista se reduce a realizar a pretemporada.

Enfronte do conxunto lucense estará o histórico Obras Sanitarias arxentino, un club con varias seccións deportivas pero que concretamente con respecto a baloncesto participa en competicións oficiais desde 1926. O club arxentino chegou a proclamarse, no ano 2012, campión da liga Suramericana de clubs.

Actualmente é un club cun importante traballo de canteira, a maioría dos xogadores cos que realiza a xira por España proceden das súas categorías inferiores. O pivote estadounidense Eric Anderson é un dos xogadores máis destacados; de feito, a pasada campaña finalizouna como o máximo anotador da liga arxentina. Do seu mesma nacionalidade é o pivote Maurice Kemp, que a pasada tempada militou no baloncesto libanés aínda que Phillip Lockett, nacido en Israel, ten tamén a nacionalidade arxentina e estadounidense.

O baile do novo Breogán empeza en Sarria
Comentarios