O asombro da liga ACB

O Breogán recibirá a un Baxi Manresa que loitou por xogar a Copa ata a última xornada

Cady Lalanne lanza ante Tavares. J. ALBERCH (ACB PHOTO)
photo_camera Cady Lalanne lanza ante Tavares. J. ALBERCH (ACB PHOTO)

O Baxi Manresa merece, sen dúbida, a distinción de equipo revelación da primeira volta. O próximo rival do Cafés Candelas Breogán (sábado, 20.30 horas, Pazo dos Deportes de Lugo) chega ao ecuador da competición na oitava posición con nove vitorias e oito derrotas, unha bagaxe moi meritoria para un recentemente ascendido. De feito, o conxunto catalán tivo opcións de disputar a Copa do Rei ata a última xornada da primeira volta.

Na gran campaña que está a realizar o conxunto que dirixe Joan Peñarroya hai un detalle moi pouco común nunha competición como a liga Endesa, onde os triunfos a domicilio cotízanse moi á alza. Dos seus nove triunfos, o conxunto manresano conseguiu seis fóra da súa pista. Dito doutra forma, o Manresa é, co Barça Lassa e o Baskonia, os equipos que gañaron máis encontros como foráneos.

O próximo rival do Breogán gañou nas pistas do Estudiantes (77-79), Andorra (77-82), Murcia (79-84), Burgos (74-82), Obradoiro (90-97) e Delteco Gipuzkoa (85-91). Ademais, e sempre a domicilio, a única derrota clara sufriuna en Valencia (89-76), porque tanto en Tenerife ante o Iberostar (77-75) como en Fuenlabrada (94-89), estivo moi preto de levar o triunfo.

Polo tanto, para o Manresa ter que xogar co ambiente en contra é un revulsivo máis. A súa intensidade que mantén os corenta minutos de xogo e sobre todo a súa regularidade -estatisticamente é un equipo que non brilla especialmente en ningunha faceta pero tampouco hai ningún aspecto do xogo no que sexa deficitario- son os dous aspectos nos que basean o seu éxito.

E é que nin sequera os importantes cambios rexistrados no seu persoal serviron para desestabilizar o equipo. A finais do pasado mes de decembro abandonaban o club dous das grandes apostas realizadas para esta tempada polos técnicos cataláns, o base Alex Renfroe -que marchou aceptando unha oferta do KK Partizán- e Justin Doellman. En realidade a ausencia do segundo non implicou un maior problema xa que, ademais de disputar só seis encontros por mor dunha lesión, a súa achega estivo lonxe do esperado. O da base xa é outra historia. Coa marcha de Renfroe, o Manresa quedou sen o que aínda é o segundo xogador máis valorado da liga, o oitavo anotador e o terceiro xogador en asistencias. É dicir, un auténtico líder na pista.

COREY FISHER. Con todo, os técnicos do conxunto catalán souberon reaccionar e ademais de incorporar a outro base de calidade e experiencia como Corey Fisher, completaron o equipo coa chegada do á-pivote croata Tomislav Zubcic. Aínda que desde a marcha de Ronfroe a bagaxe do Manresa é dunha vitoria e tres derrotas, non hai que perder de vista que os seus rivais foron o Tenerife, Baskonia, Delteco, ao que derrotou, e Real Madrid na pasada xornada.

Na actualidade o máximo anotador do equipo é o escolta estadounidense Ryan Toolson sexto mellor anotador da liga con 14,2 puntos de media por encontro.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios