Nova LEB, nova estrutura no Breogán

Navarra ou Barcelona B serían invitados se o Gipuzkoa quedase na ACB
2020080714031674841
photo_camera Diego Epifanio dá instrucións aos seus xogadores nun tempo morto dun encontro da tempada pasada. SEBAS SENANDE

A LEB Ouro comeza a tomar forma cunha nova estrutura na que probablemente haberá 20 equipos, que se disputarán dous postos na ACB. A Federación Española de Baloncesto (FEB) podería repartir os equipos en dous grupos de dez ao máis puro estilo NBA, con dúas conferencias nas que se dividirán os equipos por localización xeográfica.

Aínda non se coñece, de forma definitiva, que equipos formarán esta nova LEB, xa que no caso de que a ACB acepte ao Gipuzkoa na máxima categoría do baloncesto, Navarra ou Barcelona B completarían a liga.

A maioría de equipos xa empezaron a súa planificación de face á próxima tempada. O Breogán reforzouse con xogadores con experiencia na categoría e cunha boa dose de sangue lucense. O regreso de Erik Quintela e de Seydou Aboubakar apontoa un persoal que xa contaba coa presenza de Mateo Sánchez e Sergi Quintela en representación local. Ademais do regreso dos dous lucenses, o Breogán incorporou nomes contrastados en LEB como os de Iván Cruz, Mindaugas Kacinas ou Kevin Larsen.

Ademais, confirmou a continuidade de pezas fundamentais como o capitán, Salva Arco, ou Roope Ahonen e Mo Soluade, que a pasada campaña xa ofreceron bo rendemento sobre o Pazo.

Un dato esperanzador para este novo Breogán é que sete xogadores do cadro de persoal celeste xa viviron un ascenso de categoría. Esta circunstancia, unida a que moitos deles compartiron equipo en anos anteriores, fai que o Breogán parta como un dos equipos con máis vimbias para loitar polas primeiras prazas da liga. Xunto ao equipo lucense, conxuntos como Leyma Coruña, Alacante ou Palencia tamén aceleraron a súa planificación en canto a fichaxes e formaron persoais interesantes á hora de competir polo ascenso á ACB.

Xirona, Murcia e Tizona incorpóranse este ano á competición despois de que a pasada tempada, por causa da pandemia, se anulasen os descensos de categoría pero se permitisen os ascensos. Isto facilita a composición dos dous grupos de dez equipos, que aínda non están pechados pero nos que xa se coñece que Melilla e Palma non xogarán na mesma zona xeográfica.

Esta reestruturación da categoría tamén varía a forma na que se producirán os ascensos e os descensos. Os cinco primeiros equipos de cada conferencia uniranse, a final de tempada, nun só grupo no que o primeiro ascenderá directo e os equipos restantes pelexaranse polo outro posto da ACB nos play off.

De igual forma sucede co tema dos descensos. Os cinco últimos de cada conferencia agruparanse co obxectivo de evitar os tres postos que condenan a xogar en LEB Prata a seguinte campaña.

Comentarios