Os motores están listos: arranca o Rallye San Froilán

A 43ª edición sae este venres da Praza Maior de Lugo e o sábado percorrerá Outeiro de Rei, Friol, O Corgo, Sarria e Láncara
Presentación do Rallye San Froilán. EP
photo_camera Presentación do Rallye San Froilán. EP

O Rallye San Froilán chega á súa cuadraxésima terceira edición esta fin de semana para que os afeccionados ao motor gocen un ano máis do automobilismo con espectaculares treitos en Outeiro de Rei, Friol, O Corgo, Sarria e Láncara

A proba reunirá 105 participantes, entre eles o actual líder do campionato de Galicia de rallyes, Francisco Dorado. Correrán tamén Jorge Pérez, Alberto Meira, Luís Vilariño, Alberto Nimo, Adrián Díaz, ou o gañador do Volante Deputación, Jairo Fernández Espín. 

Programa RallyeO rallye arrinca este venres coa presenza dos coches no aparcadoiro do auditorio Gustavo Freire, durante a tarde e coa cerimonia de saída na Praza Maior de Lugo a partir das 19.30 horas, nun percorrido de algo máis de dous quilómetros desde Frigsa para que os veciños da cidade poidan gozar desta cita. 

A carreira disputarase este sábado con cinco treitos a dobre pasada nos concellos de Outeiro de Rei, Friol, O Corgo, Sarria e Láncara. A entrega de premios será o domingo, na Praza Maior de Lugo, ás 12.30. 

Na presentación da proba na Praza de San Marcos incidiuse na importancia do rallye para a cidade e a provincia, non só pola práctica deportiva senón tamén pola repercusión socioeconómica e turística. Asistiron Efrén Castro, deputado da área de Deportes, Artesanía e Deseño e Memoria Histórica; Isabel Rodríguez López, subdelegada do Goberno; Mauricio Repetto, edil de Deportes do Concello de Lugo, e Manuel Otero, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia.

Na súa intervención este pediu "sentidiño" no ámbito sanitario e no da seguridade viaria e resaltou os valores que transmite o automobilismo. Destacou ademais o papel dos pilotos que historicamente levaron o nome de Lugo ao máis alto en cada competición e reafirmou a aposta da Xunta polo rallye máis lonxevo do Campionato Galego da especialidade. 

Asistiron tamén os alcaldes de Outeiro de Rei, José Pardo; Friol, José Ángel Santos; O Corgo, Felipe Labrada, e Láncara, Darío Piñeiro; o edil de Deportes de Sarria, Félix Seijas; a presidenta da Federación Galega de Automobilismo, Gloria de Burgos, e Maite Vilanova, presidenta do comité de organización.

Comentarios