
O piloto monfortino Eduardo Iglesias lucirá a marca de Galicia no Rally Dakar, no que participará por segunda vez.
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o director xerente de Galicia Calidade, Afonso Caballero, acompañaron ao piloto de motos, que na anterior edición do Dakar finalizou entre os cen primeiros do xeneral, tamén co patrocinio da Xunta de Galicia.
Na edición de 2021, a secretaría xeral para o Deporte e Galicia Calidade colaborarán co piloto lucense con senllos contratos para patrocinar o Club Team Monforte Rally.
Lete Lasa recordou que o Dakar chega a máis de 200 millóns de telespectadores e destacou o "esforzo, o sacrificio e a constancia" de Eduardo Iglesias.
Galicia Calidade certifica produtos e servizos galegos pola súa orixe e pola súa calidade, un selo que tamén representará o piloto lucense no Dakar.