JAVIER VARELA. ACTOR

"A miña axenda como oficiante de vodas téñoa agora cuberta ata dentro dun ano"

É o home das mil caras. Non unicamente polo seu repertorio de expresións como actor. Tamén é monologuista, guionista, produtor, dobrador, locutor, pai e chantadés. Será o presentador da gala na que se entregarán os XV Premios El Progreso ao Deporte Lucense este venres, día 11, ás 20.30 horas no auditorio Gustavo Freire de Lugo
Javier Varela. SUE RAINBOW
photo_camera Javier Varela. SUE RAINBOW

Unha vez tivo que facer de stripper nunha despedida de solteira sen ser stripper. Optou por entreter o grupo de mulleres cun monólogo. Javier Varela (1980) aprendeu no mesón dos pais en Chantada que ser hostaleiro non se cingue a server a outros, senón que tamén se fai de enfermeiro, psicólogo ou moderador. O mesmo acontece na interpretación.

Fáleme de vostede.
Estou contento coa que está caendo. Teño moito traballo. Síntome feliz porque teño un neno de dous anos e vou ter outro. Ando en Chantada para ver os meus pais, pasear e saudar á xente da vila. Un amigo di que o importante da vida é a xente.

Que vai xantar hoxe?
Non o sei. Dá igual. Hai unha boa cociñeira, Isabel. Non sabe ‘Master Chef’ o que perdeu. Agora está xubilada, pero cociñaba no mesón que tiña co meu pai, o Amistade. Deunos de comer a tres señores.

Como lembra o mesón?
Como un foro romano, con xente falando. Ás veces os debates quentábanse e tiñas que intermediar. Os clientes son amigos que coñecen os teus traumas.

"O mesón dos meus pais era como un foro romano, con todos falando. Ás veces tiñas que facer de intermediario nos debates"

Foi o primeiro escenario?
Hai cousas innatas. Os meus pais estaban emigrados en Lucerna, en Suíza. Coñecían uns señores que eran propietarios dun teatro. Eu andaba a gatas por el. Tamén me chamaron para facer fotos de publicidade, pero non me lembro. Volvemos a Chantada cando eu tiña tres anos. Medrar nun bar en contacto coa xente define. Aínda que cada vez me fago máis introvertido.

Non me diga!
Despois de estar tantas horas con xente necesito buscar o refuxio da casa para illarme. Supoño que son os anos e que me dedico a moitas cousas. Nesta profesión tes que facer de todo. Nos Estados Unidos calquera camareiro fai esgrima e monta a cabalo. Iso debe saber facelo calquera actor. Os actores non soamente facemos series de televisión. Eu teño traballo porque fago de todo. Gustaríame vivir de facer series e teatro, pero non chega. Dende ‘Fariña’ tiven un proxecto de TVE ao que tiven que renunciar porque vai nacer o meu fillo. O mes que vén empezo un proxecto en novembro con Netflix. Ser actor é traballar. 

Que día empezou a cobrar?
A cobrar?

Cobrar é o paso entre ser afeccionado a actuar e ser actor.
Foi no pub Morrigan, de Lugo; pero deime de conta de que esta sería a miña carreira cando empecei a estudar en Espazo Aberto, en Santiago.

Que dixo tras o primeiro día de clase de interpretación?
Guau!

"Fixen de psicópata nunha serie da tele e chamaban aos meus pais para preguntarlles se a min se me fora a cabeza"

Cal foi o primeiro consello que recibiu?
Traballo, traballo, traballo. O espectador non é tonto, cada vez está máis preparado. A miña máxima é preparar os traballos para quedar tranquilo comigo mesmo.

Pasar por Fariña supúxolle...
Fariña foi un cambio total. Non soamente para min, senón tamén para todo o sector audiovisual galego. Cando a xente te ve en televisión tes moitas máis chamadas e o caché aumenta.

Tamén para oficiar vodas.
A miña axenda como oficiante de vodas está cuberta ata dentro dun ano. Empecei hai moitos anos, cando un amigo me pediu que o casara. Fíxenlle algo personalizado. Falas coa familia e cos amigos dos noivos... Gústame porque acabas tendo un cariño cara a eles.

Non oficia funerais?
Non. Unha vez estaba nun tanatorio porque morrera unha avoa miña. Unha señora chegou e díxome: "A ver, ho! Conta un chiste deses da tele!2. A xente pensa que os monologuistas estamos sempre facendo chistes.

O seu traballo non provoca cariño necesariamente.
Resultoume duro facer de psicópata en ‘Serramoura’. A xente chamaba ao bar dos meus pais para preguntarlles se se me fora a cabeza. Pero eses personaxes que non teñen nada que ver contigo son caramelos para un actor, aínda que custa desprenderse deles. Ás veces a xente queda mirando para ti e non sabes que facer porque eles te identifican cun personaxe e non se decatan de que ti es un actor.

Vostede é de Chantada, o volume de traballo para un actor está en Madrid e vive en Valladolid. Quedou a medio camiño?
Os actores somos como caracois. Levamos a casa ás costas. Quero que os meus fillos medren con columpios. Valladolid está ben situado.

"Saio correr porque esta profesión é de físico; traballas mentres estás ben fisicamente"
O actor e presentador recibiu con alegría a proposta de El Progreso de Lugo conducir a gala dos Premios do Deporte. "Lugo é o meu sitio. Son de Chantada".
Haberá improvisación?
Nun espectáculo coma este hai unha escaleta. Todo está pactado cos técnicos: as luces, os vídeos... Un gag pode perder gracia se non entran os efectos a tempo. De todos os xeitos os técnicos da gala e máis eu levamos tempo traballando xuntos e eles saben cando me vou de texto; esa é unha vantaxe. Todo pode pasar. Pode ser que marche a luz porque tira moito o xerador de San Froilán. Pero estas galas son unha festa e a xente vai con ganas de pasalo ben, vai ser un día de risas.
Que deporte practica?
Coidar do meu fillo. En serio, saio correr. Por saúde mental e física. As zapatillas de correr nunca faltan na equipaxe. Cando corro vou falando só, a xente mira...
Os teléfonos inalámbricos dan moita liberdade para falar só sen ter que dar explicacións.
Eu preparo personaxes cando corro. Axúdame a ter cabeza no sitio. Ás veces esperto e non sei onde estou. Luis Zahera di que esta profesión é de físico, que terás traballo mentres esteas ben fisicamente. Procuro estar facendo algo, niso consiste ser actor; sexa facendo un personaxe ou presentando un programa de televisión.

Comentarios