Os mellores da provincia xogarán o All Star de Burela

A primeira festa do fútbol lucense celebrarase o sábado

Pablo Álvarez. XESÚS PONTE
photo_camera Pablo Álvarez. XESÚS PONTE

Os mellores futbolistas da provincia xa velan as súas armas para enfrontarse entre si o sábado na Marosa. O campo de Burela acollerá, desde as 17.30 horas, o primeiro All Star do fútbol provincial organizado pola páxina web FutbolinLugo, que conta co apoio de El Progreso.

A xornada sabatina será o perfecto fin de festa para a tempada que vén de finalizar coa disputa da Copa Deputación. No All Star haberá partidos entre diferentes seleccións masculinas e femininas así como varios concursos abertos a todo o mundo. Esta primeira edición do All Star contará con agasallos para os nenos que acudan a presencialos así como distintas homenaxes e sorpresas.

O primeiro evento en ter lugar no céspede da Marosa serán, a partir das 16.30 horas, os catro concursos que levarán a cabo. As probas serán córner olímpico, o tiro ao traveseiro, un circuíto de habilidade e un futbolín humano.

O primeiro consistirá en anotar un gol directo desde o saque de esquina. Realizaranse varias roldas ata que só quede un participante que anote un gol na rolda final, que será o gañador. Queda aínda por determinar se cada lanzador terá unha oportunidade ou varias. Esta decisión tomarase en función do número de apuntados.

O All Star contará con catro concursos abertos a todo o mundo que queira participar

No tiro ao traveseiro os participantes terán que disparar ao traveseiro desde distintas posicións no campo, comezando polo punto de penalti e afastándose ata chegar ao círculo central.

En canto ao concurso de habilidades, os xogadores realizarán un circuíto onde demostren a súa capacidade para sortear distintos obstáculos e realizar varias probas no menor tempo posible. Para rematar, o futbolín humano consistirá en varios partidos dunha duración aínda por determinar.

Calquera persoa que desexe participar nestes concursos pode facelo, independentemente de que estea federado como xogador de fútbol ou non. A inscrición está aberta ata o xoves pola noite, polo que os interesados poden enviar un mail a [email protected]. Unha vez finalizados os concursos pasarase, ás 17.30 horas, ao duelo entre a Selección Norte contra a Selección Sur feminina de fútbol. Os adestradores serán Jesús Rial, preparador do Burela, e Pili Neira, primeira seleccionadora galega de fútbol feminino.

Pabló Álvarez e Roberto Fernández serán os dous padriños

Ás 19.30 horas terá lugar o prato forte desta xornada festiva: o partido entre a Selección de Preferente e Terceira Autonómica fronte á de Primeira e Segunda Autonómica. Haberá dous adestradores por cada equipo de: Pablo Álvarez, ex xogador do Lugo, Dépor e Spórting, e Roberto Fernández, exporteiro do Lugo e Granada e actual preparador de gardametas do club branquivermello. Jesús Vázquez Tallón e Vitín, próximo adestrador do Castro, serán os seus acompañantes.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios