As medallas están á vista

A selección de baloncesto 3x3, da que forma parte Álex Llorca, afronta hoxe as semifinais ante a poderosa Serbia. A delegación española acumula 24 medallas nos Xogos Europeos

O equipo masculino viviu unha xornada intensa cun dobre compromiso, ante Italia nos oitavos de final e dúas horas despois cos cuartos de final fronte ao combinado de Acerbaixán. O encontro dos oitavos de final foi moi complicado para o equipo español, que estivo por detrás no marcador durante boa parte do mesmo. España reaccionou ben no tramo final e chegouse ao termo do tempo regulamentario con empate a 20 puntos. Como marca o regulamento, o primeiro que lograse dous puntos na prórroga conseguía o pase e aí o combinado español estivo mellor e terminou o partido cun marcador de 22-20.

O primeiro paso estaba dado e agora tocáballe o reto a España de superar á selección de Acerbaixán, a anfitrioa dos Xogos Europeos, nos cuartos de final. O rival gañara o seu grupo na fase previa e o partido sempre estivo moi igualado. O partido dos xogadores españois foi realmente bo e a partir da decena de puntos, estes tomaron unha diferenza que lles permitiu confirmar o pase ás semifinais ao superar ao seu rival por un marcador de 17-14.

Hoxe espéralles, a partir das 15.00 hora española, a semifinal ante o combinado serbio e en caso de vitoria xogarían a final ás 17.00 horas ante o gañador da outra semifinal, que xogan Eslovenia e Rusia ás 14.00.

Mentres, o combinado feminino tamén viviu unha gran xornada e hoxe estará nas semifinais logo de bater nos cuartos de final a Acerbaixán. As españolas conseguiron a clasificación ao bater ao seu rival por 19-17.

Mentres, a delegación española sumou onte o seu vixésimo cuarta medalla nos Xogos Europeos de Bakú grazas ao bronce conquistado pola nadadora catalá Mariña Castro na proba de 1.500 metros libre.

Castro, que se colgou o bronce nos 800 libre, logrou onte a súa segunda medalla na capital acerbaixana tras asinar un tempo de 16.46.16 minutos, seis segundos máis que a gañadora, a italiana Sveva Schiazzano.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios