Manu Barreiro considera "acertadísima" a decisión de fichar polo Lugo

Manu Barreiro, en su presentación. XESÚS PONTE
photo_camera Manu Barreiro. XESÚS PONTE

Manu Barreiro, dianteiro do CD Lugo, botou este venres a vista atrás e considerou "acertadísima" a súa decisión de fichar polo equipo galego a tempada pasada no mercado invernal procedente do Nàstic de Tarragona.

"O Lugo sempre me chamou moito a atención polo seu estilo, o seu xeito de xogar e ao ser galego seguíao moitísimo máis", explicou nun vídeo que difundiu o club no que responde as preguntas que lle formulan os afeccionados.

Nel, recordou que fichou polo Lugo tres meses logo de ter o seu fillo Mario e tanto el como a súa muller querían estar en Galicia, preto da familia. "Foi unha decisión acertadísima", recoñeceu sobre a súa incorporación ao equipo lucense, no que afronta a súa segunda tempada.

Barreiro explica que o compañeiro de vestiario que máis o sorprendeu neste tempo no Lugo é José Carlos Lazo, agora no Almería, do que dixo que "marca diferenzas". A nivel persoal quedou cos capitáns do equipo, Iriome González, Carlos Pita e Fernando Seoane, dos que dixo que "son un exemplo" pola "humildade" que teñen.

En canto á súa carreira, destacou especialmente os éxitos que viviu co Deportivo Alavés e tamén co Racing de Ferrol. "Cando ascendemos co Alavés a Primeira foi un momento espectacular, un ano incrible, porque desde a primeira xornada estivemos arriba e saíu todo perfecto. Sobre o papel non eramos favoritos, pero tiñamos un grande equipo, un gran bloque. E a etapa no Racing de Ferrol", repasou. 

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios