Martí cre que a vitoria do Tenerife foi "merecida"

Luis César "Tivemos opcións para empatar"

O técnico do Lugo asegurou que "desaparece a incerteza" que o equipo xera se pode xogar Joselu ► O adestrador do conxunto tinerfeño destacou "a capacidade de competir" que posúen os seus xogadores
Campillo trata de frenar un avance de Jorge Sáez
photo_camera Campillo trata de frenar un avance de Jorge Sáez

Tras caer ante o Tenerife no Heliodoro Rodríguez López, Luis César Sampedro, adestrador do Lugo, asumiu a "dificultade extrema" que terá para o seu equipo acceder a postos de fase de ascenso. A xuízo do técnico de Vilagarcía, o cadro lucense dependerá das actuacións dos seus rivais directos para poder "alcanzar" ese sexto posto: "Temos que facelo ben, moi ben, os últimos cinco partidos e que varios equipos, un par deles, o fagan mal. Hai moitos enfrontamentos complicados, equipos que están entre os seis primeiros que deben enfrontarse entre eles", explicou.

Serán unhas xornadas finais nas que adestrador do cadro lucense espera unha gran rivalidade e onde todo vai ser "a cara de can" para meterse na loita por xogar en Primeira División a próxima tempada.

Luis César considerou o choque ante o Tenerife "un partido igualado", que "non foi para ningún" e no que viu claras as opcións de empatar: "O porteiro local foi dos mellores do partido e iso significa tamén que tivemos máis opcións do empate", asegurou.

Ao ser preguntado polas baixas de Caballero por sanción e de Joselu, lesionado aos 38 minutos de xogo, Luis César foi claro: "Non ter a Caballero por cartóns e a Joselu, que é o noso home gol, si que foi un hándicap que non esperaba que sucedese antes de que comezase este partido. Son cousas que ten o fútbol e ás que os adestradores estamos expostos", resolveu.

A baixa da punta onubense foi un gran lastre para o Lugo, o que o técnico repetiu antes de finalizar a rolda de prensa: "Con Joselu arriba podemos xerar incertezas que, se non está el, pois desaparecen", concluíu.

Comentarios