Luis César: "O que buscamos é que o Xirona continúe en crise"

O técnico do Lugo advirte sobre un rival con xogadores "moi grandes e moi físicos"
Luis César grita a sus jugadores durante un partido
photo_camera Luis César grita a sus jugadores durante un partido

O adestrador do Lugo, Luis César Sampedro, recoñeceu este venres o importante que sería superar ao Xirona este domingo (16.00 horas) para seguir con opcións de play off e reiterou que o obxectivo é que os xerundenses sigan na crise de resultados que atravesan nas últimas xornadas.

"O Xirona é un dos mellores equipos da categoría, cun fútbol moi marcado, un conxunto moi físico e un dos mellores no contragolpe xunto ao Tenerife. Teñen moita capacidade a balón parado; non están a atravesar un bo momento, pero esta é unha Liga na que hai que soportar crise e todos salvo o Levante, tivérona. O que hai que facer é saber manexarse nesta situación e o que buscamos é que eles seguen en crise. Buscamos a posibilidade de gañar para estar co pelotón bo, cos equipos de arriba, imos ir a por a vitoria en todo momento", dixo.


"Estou convencido de que se gañamos estaremos mellor na táboa que logo de gañar ao Real Oviedo"


Sampedro analizou ao Xirona. "Teñen baixas, pero teñen variedade e alternativas con xogadores como Ramalho ou Cifuentes. Teñen un persoal moi completo. Falamos de xogadores moi grandes, moi físicos, un equipo que ten a súa forma de xogar, con moita xente na área, xogadores que se incorporan moi ben e todo fai que estean tan arriba na clasificación. Virán a por todas, como nós, eles xóganse moito e nós tamén. eles non queren perder e nós queremos gañar en casa como fixemos nos últimos partidos para chegar aos 51 puntos e ver entón o que fixeron os demais equipos. Estou convencido de que se nós gañamos ao Xirona imos estar mellor na clasificación que hai quince días cando lle gañamos ao Oviedo", sinalou.

O técnico branquivermello insiste en que todos os equipos xóganse cousas. "Son as últimas xornadas e todo o mundo vai a cara de can, os de abaixo porque queren escapar do descenso e os de arriba porque queren ascender. Hai enfrontamentos complicados para todos nesta xornada e todos temos moito batifondo e así será ata o final"; á vez que recordou que o Xirona aínda non perdeu nas súas visitas ao estadio Ángel Carro. "Os refachos sempre se terminan, as positivas e tamén as negativas, nada perdura nin permanece".

Os xerundenses mostran algúns problemas nos últimos partidos para controlar o xogo e o marcador, pero Luis César Sampedro insiste en que é imposible gañar todos os partidos e tamén o que é xogar ben sempre.

"Os partidos derivan en cousas diferentes e ás veces inesperadas. Nalgúns partidos, o Xirona pasouno mal para aguantar o resultado, pero tamén nós temos días malos. Non podemos gañar sempre nin xogar ben sempre, non hai que esquecer que a xornada pasada non gañou ningún dos sete primeiros clasificados", dixo.

Finalmente, o técnico recoñeceu que na pasada xornada non funcionaron as cousas ante o Raio, nin con Iriome, nin outras cousas. "Non funcionou nada, nin as probas nin as que non o eran", finalizou.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios