O Lugo peitea o mercado para atopar a súa navalla suíza

Xogadores como Borja Valle ou Manu Justo interesan para substituír a Cristian Herrera
undefined
photo_camera Borja Valle intenta rematar de chilena nun partido co Deportivo ante o Lugo en Riazor. XESÚS Ponche

Substituír a un pichichi histórico non será sinxelo para o Lugo. Suplir a un xogador para todo na ofensiva branquivermella implicará coñecemento do mercado, paciencia e tempo de espera polos problemas co límite salarial do club lucense e un chisco de sorte para acertar. A marcha de Cristian Herrera deixa ao conxunto de Rubén Albés sen un comodín cerca da área e a dirección deportiva, encabezada por Mauro Pérez, ten no caderno varios nomes que encaixen no perfil buscado.

Como Herrera, o Lugo quere un xogador capaz de desempeñar distintas posicións na fronte de ataque, ao que sente ben case calquera sistema que o técnico empregue sobre o céspede. No sempre complexo mercado de verán explórase a opción de contratar a un futbolista capaz de xogar por detrás dun dianteiro aboia como Manu Barreiro ou José Ángel Carrillo, os únicos dianteiros da actual nómina do primeiro equipo. Pero non só se busca que ataque ao espazo creado polas puntas, senón tamén que sexa capaz de crear no balcón da área e acelerar o xogo no último tramo. Ademais, este xogador debe caer a banda ou partir desde ela para acabar por dentro.

O límite salarial é o principal problema do Lugo para a contratación de xogadores

A este perfil apuntou o Lugo cando ofertou por Juan Hernández. Con todo, o Alcorcón, un rival directo pola permanencia, dispuxo de máis diñeiro que os branquivermellos e o de Lorca escapouse, un ano máis.

Seguen na lista do Lugo outros nomes que responden a este perfil. Un xa se intentou a pasada campaña no mercado invernal. Borja Valle, actualmente sen equipo tras finalizar a súa relación co Oviedo -ao que preferiu en xaneiro por diante do Lugo-, pode desempeñar distintas posicións tanto en banda como na mediapunta. O xogador ve con bos ollos retornar a Galicia, onde xogou en equipos como o Deportivo, o Celta ou o CD Ourense. O aspecto económico volverá ser a barreira a superar.

Búscase un perfil diferente ao dos dous únicos puntas que hai no equipo actualmente 

Outro dos futbolistas que gustan ao cadro branquivermello é o ex do Coruxo e o Celta B Manu Justo. O punta vigués, criado na prolífica canteira do Areosa, pertence ao Elche, co que realiza a pretemporada ás ordes de Fran Escribá. Este mediapunta talentoso -capaz de xogar tamén nos costados ou chegar á área para finalizar coa súa boa técnica- sairá cedido salvo xiro inesperado dos acontecementos. Aí podería esperar o Lugo, equipo interesado xunto ao Burgos.

Tamén se intenta o retorno de Chris Ramos, que formou o ano pasado moitos partidos na banda e tamén foi utilizado como dianteiro centro.

O equipo adestra no campo de Pol con tres ausencias
O Lugo segue traballando ás ordes de Rubén Albés sen que haxa contratempos en forma de problemas inesperados, aínda que o conxunto branquivermello segue sen poder contar con tres futbolistas do primeiro persoal.

O extremo destro Gerard Valentín, o lateral esquerdo ucraíno Orest Lebedenko e o centrocampista e central Juan Antonio Ros, un das dúas fichaxes realizados polo club, seguen sen adestrar co equipo.

Kravets xa está en Xixón 
O exlateral esquerdo do Lugo Vasyl Kravets pasou o mércores o test médicos co Spórting de Xixón e formalizou o seu contrato coa entidade asturiana, á que chega cedido con opción de compra desde o Leganés.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios