O Lugo destitúe a Juanfran

O club, que comunicará "proximamente" o nome do novo adestrador, agradece ao técnico valenciano a súa "implicación" e destaca o "rotundo éxito" da salvación na pasada tempada
Juanfran
photo_camera Juanfran, no seu debut no banco do Lugo o pasado xullo. XESÚS PONTE

O consello de administración do CD Lugo comunicou este domingo o cesamento de Juanfran García como adestrador. Anunciouno apenas unhas horas despois de que o equipo encaixase ante o Mallorca no Ángel Carro a súa cuarta derrota en cinco partidos, os disputados no que vai de tempada.

O consello de administración que preside Tino Saqués reuniuse en sesión extraordinaria horas despois do tropezón cos baleares, o terceiro consecutivo dun Lugo que só gañou o segundo partido da tempada, ao Leganés no Ángel Carro. A destitución do técnico valenciano é a primeira desta tempada en LaLiga SmartBank.

A través dun comunicado, o CD Lugo agradece a Juanfran García "o seu traballo, implicación, e máxima profesionalidade" e destaca o "rotundo éxito que supuxo a salvación conseguida no tramo final da pasada campaña". A partir de aí, deséxalle "os maiores éxitos persoais e profesionais no futuro".

O club asegura que comunicará "proximamente" o nome do novo adestrador.

Este mesmo domingo, na rolda de prensa posterior ao partido co Mallorca, Juanfran expresou as súas dúbidas respecto de que o seu corpo técnico puidese estar cuestionado. "Sorpréndeme; unha, porque non oín nada e non me trasladaron nada e porque estamos na xornada cinco. Dubido que así sexa. Nós estamos súper tranquilos, temos a confianza posta nos xogadores, son practicamente os mesmos da tempada pasada, coñecémolos ben e sabemos o que poden dar", sinalou.

O CD Lugo anunciou a finais do pasado mes de xullo a renovación de Juanfran por un ano máis e outro opcional, tras os grandes resultados do final de tempada. 

Chegara ao club a falta de seis xornadas para substituír a Curro Torres nunha situación límite para o conxunto lucense, que finalmente conseguiu a permanencia.

Curiosamente, Juanfran, que finalizou o curso pasado invicto en seis partidos, pecha a súa etapa no Lugo como o adestrador con maior porcentaxe de vitorias na historia do club en Segunda División, do 45%. Gañou en cinco de once partidos.

Comentarios