O Lugo buscará repetir fazaña no Heliodoro

O conxunto branquivermello espera manter en Tenerife a súa boa serie de vitorias seguidas desde que chegou Mehdi Nafti ao banco co duelo da pasada campaña como recordo
2020102911492079843
photo_camera Campabadal. XESÚS PONTE

Volver tres meses despois ao escenario onde o Lugo atou máis de media permanencia. Regresar a un estadio onde unha cabalgada de Kravets e un remate de El Hacen foron o alicerce para que o conxunto branquivermello poida repetir este xoves (19.00 horas) a fazaña no Heliodoro Rodríguez López na súa novena tempada consecutiva en Segunda División. Como aquel 17 de xullo, o conxunto branquivermello chega lanzado ao terreo dun Tenerife con dúbidas.

Non será un partido a vida ou morte como o xogado no verán. O valor daquel duelo era maiúsculo para os branquivermellos, onde aqueles tres puntos conseguidos co tanto do centrocampista mauritano deixárono fóra do descenso e puido depender de si mesmo ante o Mirandés para a salvación.

Na actualidade, a aterraxe de Nafti no banco reactivou un grupo que suma tres triunfos consecutivos na liga, pero con só oito xornadas disputadas na competición.

Con todo, manter as boas sensacións e seguir sumando pode ser un alicerce para situar o Lugo nunha posición tranquila. Esa é a aspiración do club lucense esta campaña e buscará dar un novo paso cara á parte nobre.

Mentres o Lugo navega con confianza co franco-tunisiano no banco, o Tenerife non acaba de arrincar. A esixencia da illa, o investimento nun proxecto concibido para loitar polo ascenso e a calidade dos vimbios do seu vestiario obriga a gañar cada partido, algo que non logran desde hai tres partidos.

Ese refacho cruzado de lucenses e chicharreros —nove puntos de nove posibles para os branquivermellos e dous de nove para os canarios— vivirá un novo pulso nun estadio baleiro e histórico.

O Tenerife suma tres partidos seguidos sen gañar, nos que sumou dous puntos de nove

CATRO BAIXAS NO LUGO. Non poderá contar Nafti cos tres xogadores que iniciaron lesionados a semana —Iriome, Luis Ruiz e Manu Barreiro—, aos que sumará ao centrocampista Borja Domínguez, que tampouco viaxou a Tenerife por problemas físicos.

Cunha convocatoria de dezanove homes, o preparador franco-tunisiano apostará por manter o debuxo que tan bo resultado lle deu desde a súa chegada ao banco do Ángel Carro.

Seguirá a defensa de catro homes, con Campabadal e Canella nos costados, xa que son os únicos carrileiros dispoñibles na actualidade. En defensa, a fatiga e a acumulación de minutos do portugués Venancio podería devolver ao once inicial a Diego Alende como compañeiro de Marcelo Djaló.

Na sala de máquinas do conxunto branquivermello, Nafti conta con catro homes que se xogarán un sitio no dúo de inicio. Fernando Seoane podería retornar ao equipo titular tras descansar en Logroño xunto a Juanpe ou Xavi Torres, que se manterían na medular. Carlos Pita agardaría unha oportunidade no banco.

No trío da segunda liña, o gran momento de forma de Cristian Herrera deixaríao como titular na banda dereita ou na mediapunta se non é Hugo Rama o elixido para formar por detrás do dianteiro boia. Puma Rodríguez estará na esquerda, mentres que Herrera ou Gerard Valentín serán os extremos destros. Arriba, Carrillo ou Chris Ramos serán os encargados de finalizar as xogadas na área.

Nafti non poderá contar cos tres xogadores que iniciaron lesionados a semana, Iriome, Luis Ruiz e Manu Barreiro, aos que sumará o centrocampista Borja Domínguez

Enfronte, o adestrador do Tenerife, Fran Fernández, recupera o uruguaio Gio Zarfino, sancionado a pasada fin de semana, quen volverá á medular do equipo tinerfeño, aínda que non será o único cambio que realice o adestrador almeriense.

Outros futbolistas que poderían variar o once que empatou ante o Espanyol (0-0) o pasado fin de semana serán Moore por Kakabadze no lateral dereito, Alberto por Sipcic no centro da defensa e o citado Zarfino por Aitor Sanz no círculo central.

O resto dos once elixidos por Fernández poderían ser os que realizaron un bo encontro ante o gran favorito para o ascenso esta tempada.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios