O Lugo busca o cero

O equipo que dirixe Rubén Albés é o máis goleado de Segunda, con 49 tantos, e deixou a portería imbatida en once ocasións. Case un 40% das dianas chegaron a balón parado
undefined
photo_camera Manu Barreiro remata de cabeza ante Francés nun lance do recente Lugo-Zaragoza. SEBAS SENANDE

Tras a última xornada ata agora de Segunda División, na que o Lugo non pasou do empate ante o Zaragoza (2-2), o equipo que agora dirixe Rubén Albés converteuse no máis goleado da categoría, cun total de 49 goles encaixados nos 37 partidos disputados. Unha media de 1,3 goles en contra empuxou o equipo branquivermello desde unha sexta posición na duodécima xornada —o mellor momento clasificatorio do equipo esta tempada— ata o penúltimo posto de Segunda División, e todo en cuestión de 25 partidos.

A defensa foi unha das grandes debilidades do Lugo no último tramo da tempada. O partido do pasado venres foi o exemplo do que lle custan as accións de estratexia na súa propia área. O Zaragoza castigouno cun penalti e, sobre todo, cunha falta lateral que cabeceou o porteiro do equipo maño aos 97 minutos de encontro. E é que dos 49 goles, 19, o 38%, chegaron en accións a balón parado.

Case o 40% dos goles que encaixou o Lugo chegaron de estratexia ou de penalti

O equipo branquivermello atravou diferentes fases defensivas ao longo do curso, sendo a de Mehdi Nafti a mellor con diferenza. O francotunecino logrou nove das once porterías a cero que acumula o equipo lucense, e conserva a mellor media de goles en contra dos catro adestradores que pasaron polo banco (1,04). Con Nafti, o equipo non só alcanzou a sexta praza na duodécima xornada, senón que limitou, ao máximo, o potencial ofensivo dos seus rivais, cun total de 23 goles nos 22 partidos que dirixiu.

Antes, con Juanfran, o Lugo foi incapaz de deixar o seu rival a cero. Nos cinco partidos, o seu equipo encaixou oito goles (unha media de 1,6) e acabou sendo destituído tras caer ante o Mallorca na quinta xornada (0-1).

Tras os 22 partidos ligueiros de Nafti chegou Luis César, que dirixiu oito partidos nos que o equipo encaixou 14 goles (1,75 de media) e protagonizou a peor serie do curso, con oito xornadas sen conseguir a vitoria nas que encadeou seis derrotas seguidas.

Albés, o último en chegar e con tan só dous partidos no seu haber, mantén a peor media (dous goles por partido). O técnico galego, iso si, deu a alternativa a Alberto Varo na última xornada co obxectivo de cambiar a dinámica negativa neste sentido, restar presión a Cantero e tratar de que os seus xogadores recuperen a solidez perdida. ¿Funcionará?

Primeira volta | Oito puntos ante os cinco próximos rivais 
Na primeira volta, o Lugo sacou oito puntos ante os cinco rivais que lle esperan no tramo final da tempada: empatou co Spórting (0-0) e co Mirandés (0-0), gañou ao Albacete (1-0), perdeu en Cartaxena (2-1) e impúxose ao Raio Vallecano (1-0).

Situación similar
A tempada pasada estaba nunha situación similar. A estas alturas era antepenúltimo, a tres puntos do Albacete e o Oviedo e a catro do Deportivo.

Once puntos
Con Juanfran García, o Lugo sumou once puntos nas últimas cinco xornadas para conseguir a permanencia.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios