Lucía Sánchez do Val gaña o ouro no Nacional sub- 18

A atleta, de 17 anos, imponse na dura disciplina de heptatlón â?? A lucense venceu en catro das sete probas do concurso 
lucia sanchez
photo_camera Lucía Sánchez do Val pousa xunto ao seu adestrador Óscar Rodríguez. EP

A atleta lucense Lucía Sánchez do Val, da Escola Atlética Lucense, proclamouse este domingo campioa de España sub-18 de heptatlón, dentro dunha cita celebrada en Huelva. A representante lucense foi a clara dominadora da modalidade combinada que aúna sete probas atléticas diferentes. Impúxose en catro delas: 100 metros valas, salto de altura, salto de lonxitude e 800 metros lisos.

Estes catro primeiros postos fixeron que Sánchez do Val lograse 4.915 puntos totais nunha cita marcada pola forte calor e o vento reinante que dificultou a súa participación no lanzamento de xavelina (24.52 metros). 

Lucía Sánchez do Val demostrou na cita onubense o extraodinario momento de forma polo que atravesa. "Cheguei ao Nacional moi preparada. Grazas a iso logrei a miña plusmarca persoal en 100 metros valas cun tempo de 14.17 segundos", explica a vixente campioa de España sub-18 de heptatlón.

As súas marcas non deixaron dúbidas sobre quen foi a gran dominadora da competición. En 200 metros parou o cronómetro en 26.16, e en lonxitude, 5.46 metros.

Esta medalla de ouro proporcionoulle un posto coa selección española para competir no Encontro Internacional sub-18 en París, en 100 metros valas, lonxitude e xavelina. Lucía Sánchez do Val dedica estas medallas "aos meus adestradores, Óscar Rodríguez, Ana Sánchez do Val, Flavio Lombardía e Manuel Furtado".

Escola atlética. Entre o resto da participación da Escola Atlética Lucense destacou o cuarto posto de Antón Martínez, na proba de 2.000 metros obstáculos. quedou a tan só 5 segundos do bronce. E Emma Pérez ocupou o sexto posto en salto de altura, con 1,61 metros. Mentres, Laura Sánchez, finalizou en última posición a súa participación nos 3.000 metros lisos.

Comentarios