O colocador do Emevé Pablo Villar é convocado pola selección española sub-20

O xogador lucense de 17 anos compite na Superliga ás ordes de Diego Taboada
photo_camera Pablo Villar (dorsal 11) celebra un tanto cos seus compañeiros. SEBAS SENANDE

Pablo Villar, xogador lucense do Emevé de 17 anos que disputa a Superliga, foi convocado pola selección española sub-20 para incorporarse á concentración que terá lugar en Palencia entre os días 11 e 16 deste mes.

A cita servirá ao combinado nacional como preparación do campionato de Europa sub-20, que se desenvolverá na República Checa o próximo verán.

Non é a primeira vez que o lucense acode á chamada da selección. En 2018, el e Iago Folgueira foron convocados polo combinado sub-18 para o Torneo Internacional Wevza que se disputou en Bélxica entre os días 23 e 29 de xullo e no que, ademais de España, participaron as seleccións de Bélxica, Francia, Suíza, Alemaña, Italia, Holanda e Portugal.

«Somos un club que desde fai moitos exportamos xogadores e xogadoras, sobre todo a seleccións nacionais de menores. De feito, agora mesmo temos a Iago Folgueira dentro da selección permanente», apuntou o seu adestrador Diego Taboada.

Respecto de Villar, Taboada sinalou que é «un mozo que está a xogar de colocador en Superliga  e que evolucionou moito desde o ano pasado tendo en conta de que na súa xeración os saltos de categoría son cada dous anos. Gañoullo grazas ao seu traballo, esforzo e talento».

Comentarios