O lucense Misioné entra na lista de candidatos do Salón da Fama

Luis Ramos Misioné. EP
photo_camera Luis Ramos Misioné. EP

O lucense Luis Gregorio Ramos Misioné, gañador dunha medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Montreal 1976 e unha de bronce en Moscova 1980, é un dos trece deportistas candidatos que propuxo a Federación Española de Piragüismo para ingresar nun Salón da Fama "que ten como obxectivo crear un espazo onde recoñecer a contribución de diferentes personalidades e materializar o legado deste deporte".

O lucense, que participou no seu día na modalidade de augas tranquilas, competiu en tres Xogos Olímpicos —en Los Ángeles 1984 non logrou distinción— e sumou outras oito medallas en campionatos do mundo disputados entre 1975 e 1982.

A primeira edición do Salón da Fama de Piragüismo España presentarase na Gala Nacional o 1 de febreiro na sede do Comité Olímpico. Ademais de Misioné, os candidatos a ingresar son David Cal (gañador de cinco medallas olímpicas), Herminio Menéndez (3), José María Estaban Celorrio (1), José Ramón López Díaz-Flor (1), Guillermo del Riego (1), Narciso Suárez (1), Enrique Míguez (1), Beatriz Manchón, Izaskun Aramburu, Belén Sánchez, Ana Penas e Sonia Molanes.

Os cinco adestradores aspirantes son Suso Morlan in memoriam, Eduardo Herrero, Luisa Álvarez, José Seguín e Vicente Rasueros.

Comentarios