Llorca: "A afección do Breogán é espectacular, merece a ACB"

O catalán celebra a cuarta edición do seu campus en Lugo, cidade da que xa é "un máis"

photo_camera Llorca saúda a un neno durante o seu campus. PEPE TEJERO

Un só sabe cando está na casa cando non necesita nin presentarse. Álex Llorca atopou hai cinco anos un fogar en Lugo. Hoxe é "un máis", como el mesmo di, nunha cidade da que nunca se chegou a marchar por completo. Cada ano, e este é o cuarto, Llorca regresa ao Pazo dos Deportes durante o verán para ofrecer un campus onde os nenos poden progresar no mundo do baloncesto.

"Teño unha conexión con Lugo moi especial", explica un Álex Llorca que goza correndo á beira do Miño e ao que a súa fichaxe polo Fuenlabrada tras unha tempada no Breogán, alá polo 2015, deixou "un pouco baleiro". "A idea do campus xorde dese sentimento. Débolle moito á cidade e á súa afección", conta.

Co paso das edicións, o Campus Álex Llorca aumenta o seu número de inscritos. Na presente, a cuarta, participan máis dun centenar de nenas e nenos de entre 8 e 18 anos. Desde o pasado luns ata o domingo 14, os rapaces teñen a posibilidade de mellorar tanto física como tacticamente. "O que máis gozo desta experiencia é a mirada especial dos nenos. Ese brillo nos ollos, esa cara de felicidade cando xogo con eles", recoñece o escolta catalán.

"Cando era pequeno eu tamén ía a campus doutros xogadores, pero eles pasaban poucas horas connosco e eu non quería iso para o meu", explica un Llorca que nunca deixa de estar pendente dos mozos. Xogar ao baloncesto, di, "require moitas horas de adestramento", pero el non pretende só ensinar como actuar dentro da cancha. Para iso conta co apoio dun amplo e experimentado corpo técnico, entre os que están Mateo Louro, Juan Norat Estévez ou Pedro Carrillo. Álex Llorca participa en todas as actividades e presume do bo nivel dos xogadores e xogadoras. "Moitos repiten e cada ano quedo máis sorprendido con eles. Crecen unha barbaridade", ri.

O certo é que o seu campus xa traspasa a fronteira galega. "O primeiro ano contabamos con xente de Lugo, pero co paso do tempo acabamos con nenos de sitios como Santiago, Madrid, Castro Urdiales, Burgos, Barcelona, Ponferrada...", afirma Llorca, quen goza "como un deles". A contorna non podería ser mellor. Álex Llorca viviu grandes momentos no Pazo, o cal viu "nas súas mellores noites". "Na 2014/15 quedamos ás portas do ascenso, pero iso non foi un impedimento para que fose un dos mellores anos da miña carreira", explica.

TEMPADA COMPLICADA. A pasada campaña para Llorca non foi a mellor a nivel individual. O escolta, que militou no Fuenlabrada da Liga Endesa desde a súa saída do Breogán, no verán do 2015, terminou este ano contrato. "Foi unha tempada complicada, na que houbo moitos cambios de adestrador e de xogadores. Ao final conseguimos o obxectivo, que era a permanencia, polo que me sinto satisfeito", asegura. Unha lesión na recta final da competición diminuíu a súa presenza na cancha. Agora traballa de cara a fortalecerse. "Non podo perder o tempo lamentándome. Necesito manter o físico e procurar afastarme das lesións", conta o xogador catalán.

Este ano foi moi complicado polos cambios de adestrador e de xogadores, pero conseguimos o noso obxectivo e estou satisfeito

No tocante ao Breogán, Álex Llorca afirma que "a Liga Endesa non é unha categoría fácil, pero o Breo loitou todo o que puido e máis". "Chegar ata aí é algo difícil de conseguir e manterse aínda máis", explica Llorca, que ve o regreso á categoría reina "factible" para os lucenses. "A afección do Breogán é espectacular, pero iso é algo que xa non me sorprende. Eu xa o vivín en primeira persoa e podo asegurar que merecen estar en ACB", sentencia o escolta de Esplugas de Llobregat.

De cara á próxima tempada, Llorca non dá pistas de cal podería ser o seu próximo destino. "Eu concéntrome no meu, que é xogar ao baloncesto", di. O obxectivo de Álex Llorca sempre será o mesmo: "Vaia onde vaia, procurarei dar o mellor que teño e seguir crecendo".

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios