Ledesma: "Facía tempo que non se xeraba tanto"

O máximo goleador do Lugo falou do gol anulado ante o Fuenlabrada e asegura que Belman "reláxase e aproveitou a ocasión, non podo dicir nada máis"
Willy Ledesma. AEP
photo_camera Willy Ledesma. AEP

O máximo goleador do CD Lugo esta tempada, Willy Ledesma, compareceu este mércores para analizar a chegada de Roberto Trashorras ao banco branquivermello e as sensacións do persoal co novo técnico. Para o dianteiro, "facía moito tempo que non se xeraban tantas ocasións" e celebrou "esa sensación de encerrar ao contrario". Neste sentido sinalou que o equipo "demostrou o que quere o míster e así estaremos máis preto de gañar".

Ledesma falou da boa imaxe do partido ante o Fuenlabrada, un duelo que termina en empate sen goles porque o árbitro anulou un gol por falta ao porteiro. "Na xogada do gol creo que o porteiro se relaxa e aí aproveito a ocasión, non podo dicir nada máis, anulan o gol e non se pode facer nada respecto diso". Para o dianteiro, "creo que se tarda un pouco en pitar a falta, pero o árbitro xulgouno así e non podemos facer nada".

Ledesma insistiu en que o equipo "quere plasmar o que pide o adestrador e estamos seguros de que imos crecer en todos os sentidos".

Preguntado pola falta de gol, asegurou que o problema estaba "en que nos custaba moito xerar ocasións, pero o outro día viuse un cambio e se seguimos así, chegarán os goles".

Sobre o partido en Riazor este domingo ás 19.00 horas, Ledesma recoñeceu que o vestiario ten "moita ilusión por conseguir un gran resultado" no campo do Deportivo. "Vemos as colas da xente para conseguir entradas e iso dános forza, creo que pode ser un gran partido e imos plantarlle cara ao Deportivo e a gañar o partido".

Para iso, o dianteiro pide "ser un equipo con personalidade" a pesar de que "sabemos que eles espertaron e será difícil".

O máximo goleador recoñeceu que aínda que levan "poucas sesións co novo míster, creo que o equipo colleu a idea de xogo que busca e imos tratar de pola en funcionamento nun partido grande como o desta semana".

Preguntado polo Dépor, Ledesma recoñeceu que ven os seus partidos pero que en Riazor se pode gañar e sabemos como facerlles dano, se mantemos a liña do último día os goles chegarán e estaremos máis preto de gañar".

Comentarios