As queixas de Setién cústanlle dous partidos de suspensión

O comité de competición da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) castigou ao adestrador do CD Lugo, Quique Setién, con dous partidos de suspensión tras a súa expulsión no partido que o seu equipo disputou no campo do Spórting de Xixón.

Ao termo do partido, o adestrador lucense "dirixiuse ao árbitro asistente 1 no túnel de vestiarios nos seguintes termos: 'Isto é unha puta vergoña. Cago en Deus'", como recolle a acta arbitral.

O choque, que os asturianos gañaron pola mínima (2-1), tamén tivo consecuencias para o xogador do Spórting Álex Menéndez. Sufrirá un partido de suspensión pola súa dobre amoestación, que lle supuxo a expulsión cerca do final.

PARTE MÉDICO
Doutra banda, David de Coz, lateral do Lugo, estará entre tres e catro semanas de baixa pola lesión muscular que se produciu nese mesmo encontro. O CD Lugo difundiu este mércores as probas médicas ás que foi sometido o defensa. Sofre, segundo esas fontes, unha rotura fibrilar nos músculos isquiotibiais da súa perna dereita.

O outro xogador do CD Lugo que tivo que retirarse por lesión nese partido, Carlos Pita, sofre unha contusión na articulación metatarso falángica do primeiro dedo do pé dereito.

En cambio, o defensa central Jon García xa se adestra co grupo logo de superar unha escordadura de grao tres do ligamento lateral externo do seu nocello esquerdo.

Comentarios