A Volta paraliza Lugo

O pelotón sairá ás 13.10 horas de Viveiro e percorrerá 15 municipios da provincia ata chegar a Lugo pasadas as 17.00 horas ► Doce rúas están cortadas desde o martes na capital
Salida de la Vuelta a España en Viveiro
photo_camera Salida de la Vuelta a España en Viveiro

Lugo paralízase este mércores pola Volta a España. A quinta etapa partirá ás 13.10 horas de Viviero para chegar, 171,3 quilómetros despois, á Rolda da Muralla de Lugo. Segundo o horario máis rápido previsto pola organización, o pelotón podería chegar á meta situada á altura da Porta de San Fernando ás 17.29 horas. Será o final dunha etapa que percorrerá 15 municipios da provincia, onde os afeccionados poderán gozar de Valverde, Contador, Froome e compañía.

Tras saír de Viveiro, os ciclistas, co novo líder, o colombiano Darwin Atapuma, á fronte, dirixiranse a Xove. Despois Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, A Pontenova (onde se sitúa o sprint intermedio), Riotorto, Meira, A Pastoriza, Pol, Castro de Rei e, finalmente, Lugo.

O porto de Marco de Álvare será a maior dificultade da xornada, con 11,8 quilómetros de subida ao 3,6% de pendente media. Pero o terreo, na provincia de Lugo, é un constante rompepeernas, o que non quita que, tras dúas duras etapas con final no alto (Ézaro e San Andrés de Teixido), este mércores sexa unha das datas marcadas na súa axenda polos velocistas.

Coa práctica totalidade dos grandes sprinters do pelotón internacional ausentes na Volta, o belga Gianni Meersman (Etixx Quick Step) xa demostrou na chegada da segunda etapa en Baiona (Pontevedra) a súa superioridade.

O alemán Michael Schwarzmann (Bora Argon18) e o danés Magnus Cort Nielsen (Orica) foron os que pelexaron con Meersman polo triunfo, polo que tamén tratarán de reivindicar as súas opcións.

PERCORRIDO POLA CIDADE. Ata doce rúas foron cortadas este martes en Lugo capital ante a chegada do pelotón, que entrará na cidade por Rolda Norte cara á rúa Hortensia, praza de Garabolos, N-VI (dirección Madrid), glorieta Vítimas do Terrorismo, Paseo do Rato, rúa San Eufrasio, praza Conde Fontao, rúa Castelao, Rolda da Muralla (en sentido contrario ao habitual), praza da Constitución, rúa Ángel López Pérez, praza Xaquín Lorenzo, rúa Vilalba e Rolda Muralla, outra vez, ata a Porta de San Fernando, onde será a meta de fin de etapa.

Comentarios