O kárate lucense sóbese ao podio

Máis de 200 nenos e mozos practican actualmente esta disciplina na Escola Deportiva Shihan. Os alumnos sumaron a pasada tempada 157 medallas en competicións autonómicas e nacionais, convertendo ao club en todo un referente
Alumnos de la Escuela Deportiva Shihan, en nuevo local de la Rúa Xosé Ferro. SEBAS SENANDE
photo_camera Alumnos da Escola Deportiva Shihan, no seu novo local da Rúa Xosé Ferro.

O kárate –unha arte marcial tradicional de Xapón– foi gañando adeptos en Lugo e os seus afeccionados creceron en número e en calidade deportiva, ata converterse en todo un referente fóra da provincia e da comunidade galega. Actualmente, máis de 200 nenos e mozos practican esta disciplina na Escola Deportiva Shihan, un club que na tempada 2018-2019 acumulou un total de 157 medallas en competicións autonómicas e nacionais. Os resultados deportivos avalan sen dúbida que o kárate lucense non pasa inadvertido e auguran un futuro non menos prolífico en triunfos.

O club renovouse esta tempada e comezou a súa nova andaina estreando instalacións e dirección. Baixo a batuta de Lara Abelleira e Adrián Yáñez, a nova Escola Deportiva Shihan elevou o kárate lucense aos podios de todo o territorio nacional e pode presumir de amorear metais en todas as categorías. Só na pasada tempada, os karatekas da escola lucense lograron 135 medallas a nivel autonómico (47 ouros, 41 pratas e 47 bronces) e outros 22 a nivel nacional (5 ouros, 6 pratas e 11 bronces), uns resultados derivados do traballo dos adestradores e o esforzo dos deportistas, un tándem perfecto que lidera a filosofía do club.

Con todo, a pesar dos triunfos, para Lara Abelleira e Adrián Yáñez, o kárate vai moito máis alá da competición. "Hai nenos e nenas que veñen adestrarse, tanto a kárate como a kumite, e non compiten. Para algúns é unha forma de aprender defensa persoal e traballar aspectos como a coordinación e a axilidade. Ademais, trátase dunha disciplina que fomenta valores como o compromiso, o esforzo ou a concentración. é un deporte moi completo que ten múltiples beneficios a nivel fisiológico e psicolóxico", din.

Entre estes beneficios, moitos profesionais como Amador Cernuda, psicólogo da Federación Española de Kárate, destacan a súa capacidade para potenciar a autoestima e a autoconfianza, dar seguridade e autoafirmación, incrementar a capacidade de afrontar a tensión, ou mellorar o funcionamento e a organización cerebral, entre outros. "Como adestradores", explica Lara Abelleira, "percibimos a evolución dos nenos en moitos aspectos, non só no ámbito deportivo. Temos alumnos que cando empezan connosco non son capaces de manter a atención durante a clase ou teñen pánico cando teñen que facer unha kata diante dos compañeiros pero, aos poucos, todos van superando as súas dificultades. O kárate tamén lles axuda a relacionarse e no ximnasio acaban facendo grandes amigos. Hai xente que pensa que é un deporte individual, pero fomenta moitísimo o compañeirismo".

ADULTOS. A Escuela Deportiva Shihan, situada no número 8 da Rúa Xosé Ferro Coengo, imparte tamén clases para adultos, tanto de kárate funcional ou tradicional como doutras disciplinas asociadas, como o Taiji Quan/Oj Gonj. "Queremos que sexa un lugar aberto a toda a familia. Por iso temos clases para nenos e adultos á mesma hora, en tatamis distintos, para que os pais poidan practicar deporte mentres os seus fillos adestran. Ademais, tamén habilitamos unha aula de estudo para que os nenos reciban clases de apoio e poidan facer os deberes antes ou logo dos adestramentos. No club somos conscientes das dificultades que entraña actualmente a conciliación da vida laboral e familiar. Por iso intentamos ampliar horarios e darlle todo tipo de facilidades aos alumnos", apuntan.

Desde a súa posta en marcha o pasado outubro, a iniciativa de impartir clases de adultos mentres se adestran os nenos foi moi ben recibida polos proxenitores e moitos xa se enfundan o kimono dúas veces por semana para aproveitarse dos beneficios do kárate. E é que, segundo aseguran psicólogos como Cernuda, esta disciplina milenaria tamén ten efectos antienvellecemento e existen estudos de psiconeurólogos que lle atribúen grandes efectos na prevención de enfermidades neurodegenerativas, como a de Alzheimer. Ademais, aumenta a capacidade respiratoria, a actividade do diafragma, o torax e os pulmóns; potencia o corazón e prevén os problemas cardiovasculares.

O proxecto de Lara Abelleira e Adrián Yáñez á fronte da nova Escola Deportiva Shihan pretende así situar o kárate entre as preferencias deportivas dos lucenses e abrilo a deportistas de calquera idade e condición física. E no ámbito da competición, os alumnos da escola non teñen previsto baixar a garda no periplo de torneos e campionatos que afrontan cada tempada, onde demostran que todo esforzo, ten a súa recompensa.

Comentarios