Kabasele xogará no D-League ata final desta tempada

O pivote congoleño, que estaba cedido ao Canoe polo Breogán, tiña contrato co club lucense ata xuño de 2022
photo_camera Hervé Kabasele (dereita), xa lesionado, no encontro final de tempada ante o Oviedo.

Hervé Kabasele acabará esta tempada xogando na D-League en Estados Unidos nun equipo vinculado cos Denver Nuggets. O Breogán, club que ten os dereitos do xogador ata xuño de 2022, non confirmou este extremo xa que por respecto a todas as partes implicadas "só emitiría comunicado cando vos trámites e negociacións estiveran asinados por tódalas partes". Con todo fontes do club, aseguraron a este diario que se todo transcorre con normalidade -o xogador aínda non ten o visado de entrada en Estados Unidos- non tardará en oficializarse a nova situación do xogador. O xogador, de todos os xeitos, xa abandonou a disciplina do Real Canoe, equipo no que estaba a militar en calidade de cedido polo Breogán, e de feito foi o adestrador do equipo madrileño Miguel Ángel Aranzabal o que desvelou a nova situación de Kabasele ao manifestar que o congoleño xa non volvería xogar no seu equipo porque o seu destino estaba no D-League.

Polo tanto, Hervé Kabasele, con 23 anos de idade e 2,08 metros de estatura, terá a súa oportunidade no baloncesto estadounidense. Desde o punto de vista do Breogán ábrense dúas opcións a partir do próximo mes de xuño. Se o xogador non convence e non ten contrato na NBA ou nalgún equipo do D-League volverá para cumprir o ano que quedaría de contrato. En caso contrario, é dicir se Kabasele segue en Estados Unidos, entón o club lucense recibiría unha compensación económica que, en principio, xa está recollida no seu actual contrato.

Kabasele chegou ao Breogán despois do Afrobásket 2017 no que foi un dos xogadores máis destacados da súa selección ao acabar o torneo cunha media de 14,8 puntos e 6,5 rebotes. Na súa primeira tempada no equipo lucense, 2017-18, apenas tivo protagonismo. O congoleño participou en doce partidos pero cun total de corenta minutos de xogo. Na penúltima xornada desa tempada, concretamente o 24 de abril de 2018, Kabasele sufría, ante o Leyma Coruña, unha grave lesión de xeonllo que cortou a súa posible evolución como xogador. De feito, a web NBA Scouting Live publicaba naquelas datas que Kabasele "podería ser un proxecto intrigante e un candidato oculto ao final da segunda rolda para o Draft da NBA 2018", aínda que tamén cara a referencia á súa grave lesión que podería afectarlle, como así foi.

Esta tempada no Canoe, Kabasele xogou unha media de 22 minutos para anotar 8,1 puntos e capturar 69,65 rebotes por partido.

Próximo rival. O Pumarín máis alcanzable

O Leite Río Breogán visita o vindeiro sábado, 18.30 horas, o Polideportivo Municipal de Pumarín para enfrontarse ao Oviedo Baloncesto en partido correspondente á decimonovena xornada da LEB Ouro, segunda da segunda volta. 

O famoso Pumarín, noutras tempadas unha das canchas máis complicadas da categoría, converteuse na presente campaña nunha das canchas máis propicias da competición. De feito, só o Marín gañou menos partidos que o Oviedo en propia cancha. 

Traxectoria 

O equipo que dirixe o exbreoganista Javi Rodríguez, só logrou dous triunfos dos oito encontros que xogou como local. Empezou a liga gañado ao Mallorca (70-61), pero despois sufriu catro derrotas consecutivas en propia pista antes de imporse, duodécima xornada, ao Granada (82-81). O equipo asturiano ocupa unha das posicións de descenso, décimo sexto, con cinco triunfos e trece derrotas.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios