Juanfran: "Non creo que merecésemos perder"

O técnico dixo que lle gustou o segundo tempo do Lugo e non descarta unha saída de última hora
Juanfran, en su primer entrenamiento. XESÚS PONTE
photo_camera Juanfran.

O Lugo encaixou o domingo en Cartagonova (2-1) a terceira derrota en catro partidos, pero con todo o seu técnico, Juanfran García, dixo despois do partido que  sel equipo branquivermello non mereceu irse sen carga do estadio de Cartagonova: "A segunda parte foi de nivel. O equipo estivo ben fisicamente, creamos bastantes ocasións e, en liñas xerais, ao longo dos 90 minutos non fomos inferiores ao Cartaxena. O segundo tempo é o espello no que nos temos que mirar. Non creo que merecésemos perder. Están a penalizarnos os erros individuais".

O conxunto lucense volveu encaixar gol na primeira metade, un problema recorrente. Ante Leganés e Almería xa se foi por baixo aos vestiarios. "é un tema que me preocupa. O que digo nas roldas de prensa xa o saben os xogadores: temos que mentalizarnos de que a portería a cero ten que ser fundamental. Non podemos irnos sempre ao descanso por detrás no marcador. é unha tarefa pendente", afirmou.

A titularidade de Carrillo, pese ao tanto, tampouco resolveu a falta de produtividade en área rival: "A nosa forza está no vestiario, na calidade humana". Juanfran, en definitiva, cre que o que faltou foi "facer gol". "O segundo tempo foi para non perder. Tivemos as ocasións máis claras. En 45 minutos rematamos once ou doce veces. Iso demostra que o equipo quere e que, cando ten as cousas claras, xera oportunidades", engadiu o valenciano.

O técnico branquivermello referiuse tamén á última incorporación, Frederico Venancio, e a se espera algunha fichaxe máis: "é un futbolista importantísimo. O club fixo un esforzo. Xogou competicións europeas, quixo vir ao Lugo e nós estamos encantados. é un central forte, vai ben por alto e nos duelos individuais. ¿Se pode saír alguén? Posiblemente si, pero é un tema que descoñezo. O xogador que non queira estar, preferimos que non estea. Todos teñen que ter a cabeza aquí", finalizou Juanfran.

BORJA JIMÉNEZ. Adestrador do Cartaxena

"Estrañounos ver a Carrillo só en punta"

O adestrador do Cartaxena, Borja Jiménez, viuse sorprendido polo debuxo inicial do Lugo, con Cristian Herrera e Manu Barreiro no banco. "Estrañounos un pouco porque aínda non xogaran con Carrillo só en punta. A tempada pasada, desde que chegou Juanfran, se o probaron. Leramos algo de prensa durante a semana, e vimos que podían irse ao 4-3-3 para protexerse por dentro. Non nolo esperabamos, pero tivemos máis dunha hora para volver ver como se ían a comportar con ese sistema", recoñeceu o técnico.

O ex Rápido de Bouzas mostrouse aliviado tras o triunfo. "Fixemos unha moi boa primeira parte. Fomos capaces de dominar, crear ocasións e marcar dous goles, un anulado. Na segunda custounos máis arrincar, pero co tanto de Gallar gañamos en tranquilidade. Nos últimos quince minutos, coa entrada de Herrera e Barreiro, sufrimos nos centros laterais", concluíu.

Comentarios