martes. 10.12.2019 |
El tiempo
martes. 10.12.2019
El tiempo

Jorge Prado logra en Indonesia a súa décima vitoria da tempada

Jorge Prado, no Gran Premio de Indonesia. EP
Jorge Prado, no Gran Premio de Indonesia. EP

O piloto lucense gañou a primeira manga e quedou por detrás de Olsen na segunda

Jorge Prado logrou a súa décima vitoria desta tempada no Gran Premio de Indonesia, disputado esta fin de semana no circuíto de Palembang. O piloto lucense do equipo Ktm Red Bull Factory Racing gañou a primeira manga e quedou por detrás de Olsen na segunda, na que Prado e Vialle disputaron unha emocionante loita polo segundo posto.

A segunda praza no Gran Premio de Indonesia foi precisamente para Vialle, seguido de Olsen, mentres que Renaux e Beaton ocuparon a cuarta e quinta praza, respectivamente.

Geerts, que liderou a segunda manga varias voltas ata sufrir unha caída e perder posicións, finalmente quedou décimo nesta primeira proba da rolda do Mundial en Indonesia, caracterizada polas altas temperaturas, a humidade, e o estado esvaradío do circuíto.

Prado comezou a fin de semana coa vitoria na clasificatoria do sábado, onde se impuxo por diante de Evans, Olsen e Vialle, con Larrañaga no posto 11 e Geerts e Jacobi duodécimo e décimo sétimo, respectivamente.

A primeira manga da xornada deste domingo saldouse cunha nova vitoria de Prado. Novo holeshot do lucense que se distanciaba aos poucos sobre o complicado terreo do circuíto indonesio, seguido do seu compañeiro Tom Vialle. O francés pasou a Prado nunha caída do lucense a 10 minutos e tres voltas do final, pero o líder da xeral, que esta fin de semana incrementou novamente a súa diferenza na xeral respecto de Olsen, conseguiría exceder de novo ao piloto francés para cruzar primeiro a liña de meta, a algo máis de 14 segundos do terceiro, o tamén francés Maxime Renaux.

A segunda manga foi a máis complicada para Prado, que viu como Vialle tiraba con forza e tivo que remontar desde a quinta praza dos primeiros compases de carreira ata o segundo posto final, cunha bonita loita entre ambos polo medio.

A próxima semana o Mundial acolle a segunda proba en Indonesia, no circuíto de Semarang, onde o piloto lucense chega con 494 puntos como líder na categoría de MX2, polos 443 de Olsen e 334 de Geerts, terceiro. Vialle marcha cuarto con 326 puntos.

Jorge Prado logra en Indonesia a súa décima vitoria da tempada
Comentarios