Jorge Blanco e Marta Casanova imponse no Cros Ponte Romana

O lucense Manuel Hurtado marcou o ritmo nos primeiros quilómetros e quedou a só un segundo de entrar no podio
Marta Casanova. XESÚS PONTE
photo_camera Marta Casanova. XESÚS Ponche

Os atletas Jorge Blanco e Marta Casanova conquistaron este domingo a cuarta edición do Cross Ponte Romana de Lugo, que se celebrou na contorna do Pazo de Feiras da cidade.

O leonés completou os catro quilómetros da proba masculina en 12:16 tras defender unha exigua pero suficiente brecha que abriu respecto ao trío de perseguidores.

Cruzou a meta con catro segundos de vantaxe sobre Iván Manceñido (12:20) nun apertado final na loita polo podio, no que se coou tamén Víctor Illera (12:23).

O lucense Manuel Hurtado marcou o ritmo nos primeiros quilómetros e quedou a un só segundo do terceiro caixón.

A proba feminina dominouna a atleta local Marta Casanova (14:35), que avantaxou en máis de medio minuto á segunda clasificada, Laura Santos (15:08) e en máis dun minuto á terceira, Mónica Álvarez (15:44).

Na proba popular, impuxéronse Borja Traseira (14:21) en categoría masculina e María Jesús Conde (18:29), en mulleres.

O cuarto cros Ponte Romana, que forma parte do circuíto da Asociación Nacional de Organizadores de Crosses, homenaxeou a Daniel Aguilar, pai dos atletas Alessandra e Eldo Aguilar.

Comentarios