O técnico do Lugo, Eloy Jiménez, cualificou de "serio" o partido realizado polo conxunto branquivermello no Estadio dos Xogos Mediterráneos ante o Almería, un club "feito para estar arriba". "Sabiamos da dificultade que tiña o partido de hoxe (por onte), porque o Almería é un equipo feito para estar na parte de arriba. O grupo fixo un encontro serio e competitivo", declarou o preparador de Hellín.
Jiménez declarou que o duelo do Estadio dos Xogos Mediterráneos foi "aberto" e que en varios momentos do partido "sufrimos", aínda que deu por bo o punto logrado en terreo andaluz porque "sumar fóra sempre é importante". "Neste tipo de partidos sempre tes que ser forte a nivel defensivo pola entidade do rival que tes enfronte. A partir de afianzarnos atrás intentamos buscar a velocidade dos homes de arriba para tratar de facer dano ao Almería", manifestou.
"A partir de agora hai que centrarse nos partidos de casa, porque gañar no Ángel Carro é a clave para seguir crecendo", valorou Eloy Jiménez.