Javi López: "O Zaragoza ten moitos argumentos"

O adestrador do CD Lugo asegura que espera "dificultades" no partido desta fin de semana

Javi López. AEP
photo_camera Javi López. AEP

O adestrador do CD Lugo, Javi López, asegurou que o Real Zaragoza, ao que os seus xogadores se enfrontarán este sábado na Romareda, ten "moitos argumentos defensivos e ofensivos" cos que os porá a proba. "Vai ser un deses partidos de rival importante, nun estadio importante, cunha afección que desde a tempada pasada está envorcada co equipo, e con moitos argumentos ofensivos e defensivos. É un dos equipos importantes da categoría. Esperamos dificultades e porllas a eles tamén", declarou en rolda de prensa.

O técnico admitiu que o Zaragoza "ten o balón, é intenso, con ritmo, ataca ben e a nivel defensivo mantén o equilibrio". "Nós temos que mellorar o traballo defensivo, minimizar eses erros que estamos a ter en momentos puntuais. Pero creo que estamos no camiño, que o imos conseguir e cremos no que facemos e a xente que temos", manifestou.

O Lugo perdeu os dous últimos partidos, primeiro ante o Rayo Majadahonda (1-0) e a pasada fin de semana, ante o Oviedo (0-2), encontro, este último, que pronto se lle puxo de cara aos asturianos. "Foi entrar no partido e encaixar un gol pronto e simple. Abrimos unha porta para que nos metesen un pase interior que non debe existir nunca e iso empézache a complicar un partido que a primeira parte era de 0-0. Na segunda, dun erro noso fan unha contra para o 0-2 e, despois, nós tivemos ocasións que non aproveitamos", explicou López.

Do partido co conxunto ovetense, o que menos lle gustou foi o último cuarto de hora, "un desastre", na súa opinión. "Por meter máis xente arriba cres que vas facer máis e fas menos", xustificou o preparador branquivermello sobre a recta final do anterior encontro do curso.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios