Jaume Grau: "Non teño experiencia, pero si ilusión"

O mediocentro admite a súa impaciencia por debutar en Segunda División co CD Lugo

photo_camera Jaume Grau, este viernes, en el interior del Anxo Carro. VICTORIA RODRÍGUEZ

O posto de mediocentro é talvez o que mellor cuberto ten en Lugo de face á próxima tempada, que será a oitava consecutiva en Segunda División A. Eloy Jiménez contará con dous xogadores veteranos que deron mostras dabondo da súa calidade, como son Carlos Pita e Fernando Seoane; con outro que ten a idade para dar un paso adiante que o confirme como xogador importante de Segunda División, Borja Domínguez, e cunha aposta de futuro, Jaume Grau, que foi presentado este venres.

Grau chega cedido desde o Osasuna, club que o incorporou este ano procedente do Real Madrid Castela, onde foi unha peza importante e chegou a disputar os play off de ascenso. Aos seus 22 anos, prepárase para debutar en Segunda División A, algo que desexa con forzas. "Teño moitas ganas de que empece a tempada para debutar en Segunda. Agora o que toca é prepararse para chegar nun bo momento de forma", sinalou onte. Durante o acto de presentación, Grau estivo acompañado por Manolo Mandiá, secretario técnico do equipo branquivermello, quen non ocultaba a súa alegría por poder contar con esta peza para a próxima campaña. "é un xogador ao que levamos seguindo moito tempo e que ten unhas calidades tremendas, tanto a nivel técnico como táctico. Vainos a achegar moito equilibrio no centro do campo: saída de balón, xogo en curto e en longo", apuntou.

O mediocentro chega cedido polo Osasuna

"É un futbolista cunha proxección importante, como o demostra o feito de que o acaba de fichar un equipo de Primeira División como o Osasuna. Non sabemos onde está o seu teito e agradecémoslle que aceptase a nosa oferta, porque tiña outras de equipos de máis nomee que o noso", engadiu onte Manolo Mandiá.

Grau explicou por que aceptou a oferta do CD Lugo. "É un club ao que viña seguindo desde hai tempo e que se que aposta pola xente nova. é un bo sitio onde crecer como xogador e para adquirir experiencia", afirmou. O xogador valenciano comentou como foron os seus primeiros días en Lugo. "O grupo transmite moi boas sensacións. A xente pórtase moi ben e a benvida foi moi boa. O pouco que vin da cidade gustoume, é encantadora", sinalou.

Grau ten claro o que lle espera ás ordes de Eloy Jiménez. "Eu estou aquí para achegar o que me pida o míster e con moitísima ilusión. Eloy é un adestrador que fala con todos e a verdade é que me transmite boas sensacións", dixo Grau, quen comentou como afronta o salto á categoría de prata do fútbol español. "Xogar en Segunda División A supón un salto a todos os niveis, tanto físico, como técnico, como táctico. Para min é un paso adiante na miña carreira. Non teño experiencia, pero si ilusión", apuntou.

O paso polo Lugo de Lazo, cuxa carreira se revalorizou notablemente, pode ser un espello no que fixarse para Grau. "Coñezo a Lazo porque foi compañeiro meu na canteira do Real Madrid. Falei con el e aconselloume que viñese", concluíu.

Comentarios