TRIATLÓN

O sarrián Iván Cáceres tras lograr o ouro: "Isto soñeino moitas veces"

Anótase o Mundial de ironman no seu grupo de idade na localidade hawaiana de Kona cun tempo de 8.47.08 horas â?? Pediu matrimonio á súa parella nada máis cruzar a liña de meta
Iván Cáceres. EP
photo_camera Iván Cáceres. EP

O sarrián Iván Cáceres asinou este domingo a páxina máis exitosa da súa carreira ao proclamarse campión do mundo de ironman no grupo de idade de 30-34 anos. A proba disputouse na localidade hawaiana de Kona (Estados Unidos). Tras a carreira, Cáceres foi entrevistado pola web Triatlon Channel. "Isto soñeino moitas veces. O obxectivo era acabar entre os cinco primeiros, pero non hai nada imposible. Cumpriuse un soño", indicou.

Cáceres cubriu o percorrido en 8.47.08 horas, e o maratón final, tramo no que selou a vitoria, marcou un tempo de 2.55.42 horas. Cabe recordar que o percorrido dun ironman son 3,8 quilómetros a nado, 180 en bicicleta, e un maratón (42.195 metros) a pé. 

Nada máis cruzar a liña de meta, o deportista sarrián, que pertence ao Club Diablillos de Madrid, pediu matrimonio á súa parella, Verónica, que estaba na bancada, e que aceptou. 

A do corredor sarrián, que pertence ao Club Diablillos de Madrid, foi unha das tres medallas que os representantes españois lograron no Mundial por grupos de idade. Así, Javier Pérez García (8.53.52) concluíu na terceira posición na mesma categoría que Iván Cáceres. 

Miguel Largo Flores acabou no décimo posto no grupo de idade de 25 a 29 anos, mentres que Francisco Ortega foi oitavo no de 40-44. Ademais, Eduard Sadurní da Torre fíxose coa medalla de prata na categoría Kukui dentro do grupo de idade de 40 a 44 anos, o mesmo no que David Márquez foi décimo. 

A do sarrián, do Club Diablillos de Madrid, foi unha das tres medallas que lograron os representantes españois no Mundial por grupos de idade

Na categoría absoluta, os alemáns Jan Frodeno e Anne Haug proclamáronse campións do mundo en Kona. Frodeno cruzou a meta en 7.51.13 horas (marca da proba) logo de cubrir os 3.8 quilómetros de natación en 47.31 minutos, os 180 quilómetros en bicicleta en 4.16.03 horas e os 42.195 metros de carreira a pé en 2.42.43 horas, e relevou no palmarés ao seu compatriota Patrick Lange, obrigado este domingo a abandonar no tramo de bici. 

Coa súa vitoria, Frodeno rebaixou en máis dun minuto a marca da proba establecida o ano pasado por Lange. É o terceiro título mundial para o alemán tras os logrados en 2015 e 2016, un brillante palmarés ao que hai que sumar a medalla de ouro lograda nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 e o bronce no Mundial de 2014. 

En categoría feminina Anne Haug levou o título tras asinar un tempo de 8.40.10. A alemá completou en 54.09 o sector de natación; en 5.46.28 o percorrido en bicicleta e en 2.51.07 o tramo de carreira. 

Entre os españois Eneko Llanos logrou o mellor tempo con 8.33.29 e terminou no posto vixésimo noveno, mentres Clemente Alonso entrou en meta logo de 8.45.40 horas e acabou trigesimocuarto e Gurutze Frades concluíu décimo quinta tras 9.16.50 de competición.

Tras a proba, o sarrián Iván Cáceres comentou como fora. "A saída da natación foi máis estreita. É certo que había menos xente, pero incluso así foi moi sucia, con aglomeracións", indicou.

"Na bici fixen 20 minutos menos que nos últimos dous anos e non tiven baixóns, sobre todo nos últimos 50 quilómetros. As sensacións eran boísimas e na carreira a pé fixen caso ao meu adestrador, que me dixo que fixese fortes as baixadas e mantivese nas subidas, e funcionoume", engadiu.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios