Iago Míguez: "Xogar a final da Copa do Rei sería tremendo"

O xogador recoñece que gañar na pista do Zaragoza é a última oportunidade de manter viva a chama de xogar a Copa de España
Iago Míguez supera a un jugador del Aspil Vidal en el partido disputado en el Vista Alegre
photo_camera Iago Míguez supera a un jugador del Aspil Vidal en el partido disputado en el Vista Alegre

O Pescados Rubén Burela FS regresou o luns aos adestramentos para preparar o seu último partido do ano, que o levará ata Zaragoza, onde xogará o venres, a partir das 20.45 horas. O técnico, Daniel Ibañes, puido contar con todos os xogadores excepto Edu, que foi pai por vez primeira e tiña permiso do club. O que parece que poderá estar a disposición do técnico é Antoñito, que adestrou xunto ao resto do grupo tras perderse o partido ante o Aspil Vidal por un problema no nocello.

Tanto o técnico como o persoal realizaron os adestramentos enfocados ao encontro de Zaragoza, fundamental para as súas aspiracións de optar á Copa de España, aínda que a medio prazo tamén está no horizonte a semifinal da Copa do Rei, a dobre partido, fronte ao Magna Navarra, que será en xaneiro.

O máximo goleador laranxa na liga, Iago Míguez, expresa o sentir do equipo respecto da eliminatoria ante o Magna, pero tamén fala do momento que vive a escuadra na liga, tras a derrota sufrida ante o Aspil Vidal, 0-5, no último partido en Vista Alegre. "Temos sensacións contrapostas. Por unha banda está a ilusión que hai pola semifinal da Copa do Rei, xa que xogar unha final destas características suporía algo histórico para os xogadores, para o club e tamén para o pobo de Burela. Por outro lado, estamos un pouco doídos pola derrota ante o Aspil Vidal, porque ninguén a esperaba despois do bo nivel que estaba a dar o equipo nas últimas semanas".

Iago non quixo pór como escusa o cansazo provocado polos minutos xogados nos días previos ao partido ante o Aspil e tampouco polos quilómetros. "Non hai que pór desculpas. O certo é que non estivemos ao noso mellor nivel; non tivemos frescura nin en ataque nin en defensa; foi unha derrota que nos complica as opcións de entrar na Copa de España, pero imos seguir loitando".

Un dos últimos trens á Copa de España pasa por Zaragoza e así o asume Iago Míguez, que deixa ben claro que todo pasa por gañar en terras mañas. "Non hai outro resultado que nos poida servir para o noso obxectivo de seguir pelexando pola Copa. Sabemos que aínda gañando en Zaragoza a situación será complicada, xa que despois vén o El Pozo a Burela, noutro partido moi complicado, pero agora só pensamos en poder gañar o venres", afirmou o á burelense, que sabe que as matemáticas non están a favor dos seus. "Nin facendo os 9 puntos temos asegurado quedar entre os 8 mellores da primeira volta", di.

Iago Míguez fala das dificultades que pode haber para gañar en Zaragoza. "É un conxunto que defende en zona, algo pouco habitual, polo que obriga a cambiar toda a preparación respecto ao resto de partidos da Liga. É un encontro non que dependes moito do tino que teñas á hora de atacar á súa defensa e das sensacións que sintas sobre a pista dende os primeiros minutos", sinalou.

O xogador tamén fixo alusión á baixa de Bruno Petry, que deixa ao equipo cunha rotación menos se non chega algún reforzo. Iago é partidario de apostar polos máis novos. "O de fichar ou non é unha cuestión da directiva, pero penso que xogadores como Carlitos, Hélder ou Renato teñen que dar un paso adiante porque teñen capacidade para facelo como o demostran moitas veces nos adestramentos. Talvez non xogaron os minutos do ano pasado ata agora, pero seguro que terán oportunidades e poderán axudarnos moito no que resta de tempada".

11 GOLES. Respecto dos 11 goles que leva na liga, Iago Míguez afirmou que "as cifras teñen que ver sempre co traballo colectivo. Cando o equipo funciona ben os xogadores aproveitámolo e os números soben. Neste caso eu aproveitei un bo momento do equipo, tanto na Liga coma na Copa do Rei", afirmou.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios