Abonados: a campaña pecha este venres

Pita e Seoane, claves do Lugo para o partido do sábado ante o Mallorca

Pita e Seoane no Lugo e Juan Domínguez e Culio no Mallorca reúnen boa parte das claves do partido do sábado. Os dous equipos destacan este ano pola súa firmeza en defensa
Pita y Seoane saludan al público tras un partido en el estadio Ángel Carro
photo_camera Pita y Seoane saludan al público tras un partido en el estadio Ángel Carro

O partido que medirá o sábado (18.00 horas) o Lugo co Mallorca no estadio Ángel Carro garda un intenso duelo no centro do campo. A parella branquivermella formada por Carlos Pita e Fernando Seoane ten un peso indubidable no xogo do Lugo e unha importancia capital na boa serie de resultados. En fronte espéraos o dúo que forman os ex-deportivistas Juan Domínguez e Culio, vitais no centro do campo e aos que coñece perfectamente o técnico do equipo balear, Fernando Vázquez, que os tivo ás súas ordes no equipo coruñés que conseguiu o último ascenso desde Segunda División a Primeira no ano 2014.

Tanto Luis César Sampedro como Fernando Vázquez son dous adestradores que lle dan moita importancia ao centro do campo, ao que consideran determinante para a seguridade defensiva e definitivo para a creación do xogo de ataque.

Baixo o sistema de 4-2-3-1, Pita e Seoane exercen como a parella de mediocentros do Club Deportivo Lugo desde hai tempo. Ambos os dous xogaron os 630 minutos que van de Liga na actual campaña e a súa importancia no xogo radica no feito de que son os dous xogadores do Lugo que máis tocan o balón e os dous que lideran as estatísticas de pases no persoal branquivermello. Ademais, Carlos Pita é un dos mellores da categoría nese apartado.

Enfronte, o Mallorca de Fernando Vázquez presenta un sistema de 4-3-3 cando ten a posesión de balón que se transforma nun 4-5-1 cando o balón non é seu. En ambas as dúas situacións, o peso no xogo balear de Juan Domínguez e Culio é moi importante. Ambos os dous foron titulares nos sete partidos de Liga que se xogaron ata o momento, aínda que Juan Domínguez actuou completos os 630 minutos, mentres que Culio leva 600. Fernando Vázquez considéraos vitais no seu esquema. De feito, a súa chegada ao conxunto balear foi por petición expresa do técnico de Castrofeito.

Con todo, ao contrario que ocorre con Pita e Seoane, ningún dos dous mediocentros do Mallorca se atopa entre os xogadores con máis participación no xogo. Tampouco aparecen entre os dous xogadores con máis pases no equipo. Aí quizais se explique o feito de que o Mallorca non termine de arrincar nesta Liga.

Dáse a circunstancia de que o outro futbolista que acompaña a Juan Domínguez e Culio no centro do campo é Juan Rodríguez, que tamén foi xogador do Deportivo, pero que non poderá participar no encontro de Lugo debido a unha lesión.

É indubidable que a situación clasificatoria de Lugo e Mallorca é ben diferente, pero ambos os dous se asemellan no feito de que non encaixan moitos goles, polo menos nas últimas xornadas. Os branquivermellos non recibiron ningún nas últimas catro xornadas, mentres que o conxunto balear mantivo a portería a cero nas tres últimas —só encaixou tres goles en total—. A diferenza está en que o Lugo si acertou en ataque —anotou nada menos que 13 goles— e o Mallorca é o equipo que menos goles anota da categoría, só dúas.

Nese duelo do centro do campo saber cales van ser máis protagonistas co balón terá moito que ver co desenlace do encontro. O Lugo e o Mallorca son sólidos defensivamente, pero a achega do centro do campo de cara ao ataque é a gran diferenza. Pita e Seoane participan moito máis e se seguen así, o sábado o Lugo será o favorito.

Comentarios