jueves. 28.10.2021 |
El tiempo
jueves. 28.10.2021
El tiempo

Adrián Ben: "Desfruto cada momento"

Adrián Ben, ayer en la pista del Estadio Olímpico de Tokio. EP
Adrián Ben, o mércores na pista do Estadio Olímpico de Tokio. EP
O atleta vivariense, que o venres debutará nas series eliminatorias dos 800 metros lisos, asegura que compartir mesa con Gasol ou charlar con Gómez Noya "é alucinante"

Quedan xa menos de dous días para vivir un dos momentos cumes do deporte lucense no ano 2021 coa estrea do atleta vivariense Adrián Ben nos Xogos Olímpicos de Tokio. O único deportista da provincia saltará o venres á pista, ás 9.50 horas da mañá en Xapón, –2.50 horas da madrugada en España– para disputar unha das series dos 800 metros lisos, unha proba na que conseguiu ser sexto no pasado Mundial de Doha.

As excepcionais actuacións de Adrián Ben nos últimos meses, sobre todo a súa posta en escena na Diamond League, tanto en Doha como en Estocolmo, e no campionato de España, onde logrou a medalla de ouro, son os mellores avais do mozo mariñán para intentar facer historia e converterse no primeiro atleta español que pisa unha final de 800 nuns Xogos Olímpicos.

"Todo ou que estou vivindo estes días xa é motivación suficiente para intentar clasificarme para París, dentro de tres anos"

Desde a súa chegada á Vila Olímpica, Adrián Ben está a vivir como nunha nube e gozando dun soño que alimentou desde moi novo e que só os privilexiados poden cumprir: disputar uns Xogos Olímpicos. "Estar aquí xa é alucinante e estou gozando cada momento. Poder sentarme á mesa preto de Pau Gasol ou compartir momentos cun ídolo para min como é Gómez Noya é algo que non se pode explicar en palabras. Aínda sen empezar a competición, o que estou vivindo estes días xa é motivación suficiente para intentar repetir participación dentro de tres anos en París. Vou loitar a morte por poder vivir esta experiencia tódalas veces que poida", explicou, destacando sobre todo o gran ambiente e o compañeirismo que se vive entre a delegación española dos diferentes deportes. "Todos estamos pendentes de todos, independentemente de que non sexa o mesmo deporte, do que se fai cada día e celébranse os éxitos coma se foran dun mesmo", engadiu.

A delegación de atletismo foi unha das últimas en chegar a Tokio e Adrián Ben trata de acelerar a súa aclimatación o máis rápido posible para chegar nas mellores condicións á carreira. "Estame custando un pouco adaptarme ao cambio horario e descansar polas noites. Agora atópome algo cansado, pero penso que ata ou sábado teño tempo suficiente para estar en boas condicións", sinalou.

O que si está a facer o deportista de Viveiro é adestrar con certa normalidade e incluso xa visitou a pista olímpica, "que é unha pasada. Oxalá puidese haber púbico", di. "Pero está claro que a saúde está por enriba de todo e hai que acatar as restriccións que impoñen as autoridades. Cada día imos a adestrar entre as 8 e as 9 da mañá para adaptarnos ao horario non que se disputará a primeira eliminatoria, que será ás 9.50 horas de Xapón", manifesta.

"Facía moita máis calor en Doha, no Mundial, e hai bastante humidade, pero para min non debe supoñer ningún problema"

Tampouco as condicións climatolóxicas deben supor un contratempo para Adrián Ben á hora de render ao seu máximo nivel , aínda que a humidade é considerable. "Facía moita máis calor en Doha no Mundial, aquí pódese saír á rúa sen problema. Humidade si que hai moita, o que combinado cos 30 graos é un pouco incómodo, pero veño de Viveiro, que tamén é húmido (risas), así que estando ben hidratado non debería ter ningún problema", concluíu.

TRES ESPAÑOLES. Adrián Ben non será o único español na grella de saída dos 800 metros lisos, xa que tamén buscarán avanzar ás semifnales Saúl Ordóñez e Pablo Sánchez Valladares. Ordóñez tratará de facer valer a súa experiencia internacional, mentras que Pablo Sánchez Valladares chega co aval da súa valentía e do seu gran final, que pode ser moi importante no caso de que chegue con posibilidades aos últimos metros.

Adrián Ben: "Desfruto cada momento"
comentarios