Dúas goleadas acenden as alarmas no Lugo

Dous 3-0 consecutivos en contra puxeron en alerta a Rubén Albés
El Lugo contra el Coruxo, este miércoles en Foz. PALEO
photo_camera O Lugo contra o Coruxo, este mércores en Foz. PALEO

É pretemporada, pero no Lugo xa están as alarmas acendidas a pouco máis dunha semana para que comece o curso 2021/22 polas dúas goleadas que se levou o equipo galego ante rivais de inferior categoría, especialmente a máis recente, este mércores ante o Coruxo (3-0). Dous 3-0 consecutivos en contra puxeron en alerta ao adestrador que protagonizou o milagre da permanencia en LaLiga SmartBank a tempada pasada, Rubén Albés

Ao técnico non lle gustou nada o que viu no Trofeo Vila de Foz ante o Coruxo, de Segunda RFEF, e foi contundente á hora de valorar o partido dos seus e o resultado. "Non estivemos á altura nin do torneo nin do rival, que foi moi superior a nós. Loxicamente é unha mensaxe moi clara de que non estamos a facer as cousas, ou non preparamos o partido, ou non o afrontamos do xeito que queriamos. Equivocámonos en determinadas cousas e a competición está xa", indicou. 

O preparador galego considerou que a derrota ante o Coruxo envía "unha mensaxe moi clara a todo o mundo da esixencia que non só ten a Segunda división, senón calquera partido". "é un boísimo mensaxe para entender que a realidade é outra", advertiu Albés, quen achacou o tropezón a unha "cuestión de relaxación". 

 O preparador branquivermello dixo que o Lugo ten que construírse "desde un nivel de organización defensiva boa"

"É certo que levamos moito traballo, que aliñamos dous onces no partido, que son moitos cambios, pero non saímos coa predisposición necesaria. O noso nivel de competitividade ten que ser moito maior", reclamou. O preparador branquivermello dixo que o Lugo ten que construírse "desde un nivel de organización defensiva boa", con sacrificio, "sentimento de equipo e unha competitividade elevada". 

"No momento en que deixemos de ser iso, temos dificultades ante calquera rival. O importante é ser realistas, conscientes do que somos. Aos xogadores díxenlles que o camiño é outro e temos que afrontalo desde xa", alertou. 

O Lugo, que leva sete amigables, ten por diante unha nova cita de preparación ante o Sporting de Xixón o sábado en Viveiro, a unha semana para a estrea ligueira fronte ao Oviedo no Carlos Tartiere e aínda con fichaxes por chegar. 

"Ao final isto tamén mostra o nivel que temos en determinadas posicións e a partir de aí hai que tomar decisións. O que está claro é que faltan futbolistas por chegar", opinou o técnico ao ser preguntado polas fichaxes que restan por concretarse nun Lugo en alerta antes de que empece a tempada.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios